María Guerra, Ángel Suanzes e Andrea Villa conversarán sobre xornalismo cinematográfico

Wait 5 sec.

O Concello de Pontevedra xunto ao Colexio de Xornalistas e a AICE impulsa unha mesa redonda o mércores 26 de novembro para analizar os retos, os límites e a especialización na cobertura do cinema galego e estatal. A xornada celebrarase a partir das 19:00 horas na Casa da Luz, e busca xerar un espazo de reflexión sobre a realidade e os desafíos da cobertura xornalística no ámbito audiovisual galego e estatal. Entre os temas a tratar, abordarase a complexa fronteira entre información e promoción das producións cinematográficas, as dificultades que presenta a especialización neste eido, e o papel fundamental que desempeña a crítica na construción dun sector plural e independente. O encontro contará coa participación de tres referentes do xornalismo e da comunicación audiovisual: María Guerra: Presidenta da AICE e directora do podcast "La Script", achegará a súa experiencia de máis de tres décadas ligada á información cinematográfica e á organización dos Premios Feroz. Ángel Suanzes: Redactor da Radio Galega, durante vinte anos responsable de informar e cubrir festivais e eventos internacionais como Cannes, San Sebastián ou Venecia, así como galas relevantes como os Goya e Mestre Mateo. Andrea Villa: Comunicadora cultural e audiovisual, implicada na organización e comunicación de festivais galegos como o de Cans, Novos Cinemas e Curtocircuíto, así como na programación do Carballo Interplay. A iniciativa nace da vontade do Concello de Pontevedra e das entidades colaboradoras por fomentar o diálogo sobre o papel do xornalismo especializado nun contexto de cambios acelerados e de crecente visibilización da industria audiovisual galega. O propósito é dar resposta aos interrogantes que afectan a profesionais: cales son os límites de obxectividade na información cinematográfica, como se esquivan as presións promocionais e que fórmulas existen para dar valor á crítica e á análise. Debido á limitación das prazas, é imprescindible formalizar a inscrición mediante o formulario habilitado en liña. Esta mesa redonda insírese na programación dos Premios Feroz, un evento de prestixio promovido pola AICE, que recoñece cada ano o mellor da produción audiovisual española.