Un conserxe do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra foi obxecto dunha queixa formal por un presunto trato vexatorio e intimidatorio na instalación deportiva. A denuncia parte de Jacobo Soler, adestrador do Club Atletismo Rías Baixas, que fixo pública a situación a través dun artigo de Atlántico Diario e que recibiu desde entón multitude de apoios. "Fixen unha queixa á Xunta a través do procedemento de queixa formal e aceptáronma", explica. "Busca problemas con atletas, adestradores, pais e nais", asegura Soler sobre o comportamento deste funcionario, que traballa en horario de tarde. "Antes non era consciente, cando era atleta individual, pero empeceino a notar despois do covid cando me involucrei máis co club", rememora o agora adestrador afirmando que as súas actitudes "parecen as dun sarxento". "Entendo que poida rifar a alguén pero as formas nunca foron as correctas", sinala á vez que denuncia como en reiteradas ocasións privou o acceso ao CGTD a deportistas que figuraban nas listas de acceso, ou mesmo chegou a expulsar a un atleta con discapacidade que esperaba nunha sala habilitada a que chegase a súa hora de adestramento. "Igual o intimida e non quere volver, e é un mozo que quedou terceiro de España", resalta Jacobo Soler engadindo que por fortuna "non o conseguiu". Ao final "a situación estaba a irse de nai", explica sobre a súa decisión de facelo público afirmando que mesmo nalgunha ocasión "pediu que lle pegues para de denunciarte". Por mor da súa queixa ante a Xunta recibiu decensas de apoios e coñecido testemuños "máis graves que o que contei eu". Tanto é así que a lo menos "un adestrador xa se engadiu á queixa", avanza, e tamén foi trasladada á Federación Galega de Atletismo.