A praia de Cabeceira, en Lourido (Poio), estreará baños públicos e posto de socorrismo de cara ao vindeiro verán. O investimento previsto para este proxecto ascende a 45.000 euros e ten como finalidade ofrecer á cidadanía servizos sanitarios públicos e de atención básica en condicións óptimas de hixiene e seguridade. A Xunta de Goberno Local do Concello de Poio aprobará esta semana o prego de cláusulas administrativas que permitirá sacar a licitación a fabricación e instalación das novas instalacións. Tras a formalización do contrato, o prazo máximo de execución será de mes e medio, polo que, segundo os prazos manexados pola administración local, o novo servizo poderá estar operativo ao inicio da tempada de praias. O módulo situarase no mesmo emprazamento da caseta actual, que debido ao seu elevado deterioro non pode ser reutilizada. As novas instalacións de baños públicos terán unhas dimensións aproximadas de 8,34 metros de longo, 2,36 metros de ancho e 2,85 metros de altura. Incluirán aseos femininos e masculinos, cada un cun inodoro individualizado e lavabo, adaptados para persoas con mobilidade reducida. O posto de socorrismo contará cun espazo destinado á vixilancia, primeiros auxilios e coordinación de emerxencias. A praia de Cabeceira é un dos dous areais de Poio que conta co distintivo de bandeira azul. Ata o de agora, para cumprir cos requisitos de calidade, durante os meses de verán recorríase ao alugueiro de aseos portátiles. O Concello prevé amortizar este investimento en dous anos; a partir de aí, a instalación suporá un aforro en alugueiros.