Queimar o lixo sae caro para o peto da cidadanía. A nova lei estatal, na liña do estipulado en 2018 por unha directiva europea e co obxectivo de fomentar a reciclaxe, grava cun imposto a incineración do lixo e o seu envío a vertedoiros, unha das razóns que explica o aumento do prezo dos recibos. Galicia converteuse na comunidade autónoma cunha menor porcentaxe de residuos reciclados, apenas o 24%, 19 puntos por debaixo da media española. A metade do lixo quéimase e o 26% restante acumúlase en vertedoiros.