A historia e o proceso de rehabilitación do Pazo de Lourizán protagonizará esta semana unha xornada de estudo no campus de Pontevedra. A actividade estará organizada pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) da Xunta de Galicia este venres 21 de novembro no salón de actos da Escola de Enxeñaría Forestal. Celebrarase en horario de 11.00 a 13.45 horas e será con entrada gratuíta ata completar o espazo. As inscricións poden facerse no seguinte enlace: https://apunta.xunta.gal/gl/form/rehabilitacion-finca-lourizan. Contará coa participación de diferentes expertos que falarán sobre o proxecto. A arquitecta do estudo responsable das obras de remodelación do pazo, Carme Pinós, da UTE Pinós-Enrich, exporá o proxecto básico e os cambios de uso na finca de Lourizán. Haberá tamén unha mesa redonda onde se abordará a historia e a importancia do pazo desde diferentes perspectivas, coas intervencións do catedrático de Historia Contemporánea da USC Ramón Villares Paz; o director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Enrique Martínez Chamorro; a directora de Promoción da Axencia Turismo de Galicia, Carmen Pita Urgoiti; e técnicos do CIS-Madeira. Clausurará a xornada o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos.