Cada 19 de novembro (Día Mundial para a Prevención do Abuso Sexual de Nenos, Nenas e Adolescentes) lémbrase unha realidade tantas veces silenciada: a violencia sexual na infancia e adolescencia. Nesta data, a psicóloga e escritora Paula Ferreira —autora do libro Inocencia Resiliente, onde narra en forma de poesía a súa propia experiencia de violencia sexual na infancia— reivindica a urxencia de mirar de fronte un problema que segue agochado nos fogares e marcado pola culpa, a vergoña e o silencio. Esta tarde de mércores, a partir das 16:00 horas, Ferreira imparte xunto á psicóloga Anaís Sueiro unha charla dende a UNED Pontevedra, presencial e online, titulada Redes de comunicación neuroendócrina e a súa influencia na saúde psicofísica: nervio vago, eixo Hipotalámico-Hipofisario-Adrenal e eixo intestino-cerebro para comprender a pegada biolóxica do trauma e as ferramentas terapéuticas de abordaxe. A esta actividade, suma o seu traballo no Taller de escritura emocional-reflexiva, cuxa próxima edición será en febreiro de 2026. Dende esa confluencia entre ciencia, experiencia e acompañamento, Ferreira defende, nesta entrevista con PontevedraViva, unha mensaxe de esperanza: "o proceso de recuperación non é rápido, non é fácil, pero a reconstrución é posible". – Por que segue sendo necesario dedicar un día mundial á prevención do abuso sexual infantil? Que seguimos sen ver como sociedade? Segue sendo necesario porque é difícil de detectar. Normalmente esperamos que os abusadores sexan xente que ten pinta de abusador ou abusadora, pero, por desgraza, onde máis suceden os abusos, ou máis ben as agresións, porque a palabra abuso quédaseme curta, é nos fogares. Estímase que o 85% dos abusos ou agresións prodúcense nos fogares. No momento en que a un ser sobre o que un adulto ten poder, aínda que sexa manipulador e sen violencia física, sométeselle ao desexo do que abusa, para min é violencia. Un neno ou adolescente non ten poder de decisión, non se lles ensina a ser afectivos de forma respectuosa (a obriga de ter que bicar a todo o mundo, aínda que non queran) e moitas veces viven violencias emocionais e de todo tipo, non só a sexual. Como ocorre nos fogares, é difícil de detectar, e difícil que un neno o fale, aínda que confíe nos seus pais, polo estigma de vergoña e culpa. O neno sempre se cre culpable: porque non o fixo parar, porque non o contou antes, porque ten medo..., e logo a vergoña, cando nos ensinan que o noso corpo é algo sagrado; e vaia, agora xa coas nenas non tanto, pero antigamente ás nenas ensinábasenos que, se nos deitabamos cun mozo, estabamos xa manchadas e que xa ninguén nos ía a querer. Entón imaxínate o que pode roldar nas cabezas destas criaturas. Son tantas as razóns polas que segue sendo necesario visibilizar e sensibilizar que é que xa me pasaría máis dunha hora falando diso. – Imos entón por partes. Que datos se consideran imprescindibles para comprender a magnitude deste problema? Unha de cada cinco mulleres e un de cada sete homes, xa na vida adulta, sufriron abusos na infancia. Nunha aula de 25 alumnos, por exemplo, ao redor de catro criaturas están a sufrir abusos. Isto é horrible e só é a punta do iceberg, porque moita xente morre sen contalo. Noutros tipos de violencia, seis de cada dez nenos menores de cinco anos sofren regularmente castigos corporais ou violencia psicolóxica, perpetrados por proxenitores ou coidadores. Estamos a falar de 400 millóns de persoas ao redor do mundo. Estas persoas teñen máis probabilidade de abusar doutros ou de volver sufrir abusos. Se rompemos a unha persoa dende a raíz, que podemos esperar despois?. Paula Ferreira, psicóloga e divulgadora sobre violencia sexual na infanciaCristina Saiz – Que consecuencias destes abusos aparecen na vida adulta? É unha lista interminable, porque cada persoa vai reaccionar dunha maneira diferente. Dependendo do temperamento de base, a crianza, a súa propia bioloxía, se o abusou unha figura de apego ou un estraño, canto tempo duraron os abusos... Hai moitas variables e hai moitos perfís, eu diría que tantos como persoas no mundo. As consecuencias poden ser enfermidades crónicas de todo tipo, físicas e psicolóxicas: hiperestrés, problemas cardiovasculares, enfermidades autoinmunes, patoloxías neurodexenerativas. A bioloxía transfórmase e aumenta a probabilidade de padecer diversos problemas. A nivel relacional, os vínculos quedan vetados: non se confía en si mesmo, nos demais nin no mundo. Tamén aparecen trastornos de conduta alimentaria, adiccións, enfermidades mentais graves como o trastorno de estrés postraumático e procesos de disociación. Isto crea estigma, illamento e problemas como ansiedade, depresión ou trastorno límite da personalidade. A nivel laboral e social, moitas persoas viven por baixo das súas capacidades reais e, ante retraumatizacións, por perdas ou separacións, algunhas terminan suicidándose. – Hai estudos que relacionan a orixe de enfermidades crónicas como a fibromialxia coas experiencias de violencia sexual na infancia. Cal é o teu punto de vista? Está demostrado a día de hoxe que a fibromialxia, ou tamén os problemas dixestivos, como afectan o nervio vago, e o nervio vago é o que regula a función orgánica, pode rebentar por calquera parte. Esta violencia é un estrés crónico en idades temperás e pode deixar o eixo do estrés hipersensibilizado. Tamén se conecta co eixo microbiota-intestino-cerebro, creando unha reacción en cadoiro que afecta a todo o corpo. Vai afectar tanto á resposta vagal (nervio vago), ao funcionamento de nosa microbiota e o noso eixo intestino-cerebro. O intestino é o chamado segundo cerebro, e é o órgano endócrino máis grande do corpo. É aí onde se cociña todo. Por iso é importante visibilizar, porque isto non se contempla a nivel médico de forma integral. Moitas persoas rematan en psiquiatrización sen unha abordaxe multidisciplinaria. Se alguén verbaliza abusos na infancia, hai que facer unha abordaxe integral, non tratar só a depresión, por exemplo. Paula Ferreira imparte na UNED Pontevedra unha charla sobre ´Redes de comunicación neuroendócrina e a súa influencia na saúde psicofísica`Cristina Saiz – Acabas de falar do nervio vago e da relación intestino-cerebro, pero na charla deste mércores 19 tamén abordarás un terceiro elemento: o eixo Hipotalámico-Hipofisario-Adrenal. Ese é o eixo que reacciona ante o estrés. Vaise a abordar todo, eixo por eixo, as súas funcións, a súa anatomía e como a interacción se pode ver desde cada eixo entorpecida e prexudicada. Logo vanse a abordar as ferramentas terapéuticas sinxelas, cousas que podemos facer cotidianamente. Os hábitos de vida ordenados e sans son importantísimos para empezar a regularse. - Pódesnos avanzar algunha destas pautas cotiás? Eu recomendo moito, aínda que non nos guste, facer exercicio. Porque nos vai axudar a regular tanto o estrés como as emocións, vainos traballar a autoestima, os patróns de sono... Son puntos que podemos facer de cotián e que van ordenar o resto dos puntos. Ao ver que co exercicio melloramos, aínda que sexa un pouco, imos ter máis ganas de saír, imos relacionarnos máis e ter máis ganas de desenvolver o noso potencial; e iso lévanos a ter máis crecemento a nivel laboral, académico e persoal, cunha mellor autoestima e un mellor autoconcepto. – Canto tempo che levou recuperarte da violencia sexual vivida na infancia? A xente ten que saber que isto é un proceso moi lento. A min levoume vinte anos levantarme do estrés postraumático, e conseguino con bos hábitos e boas relacións. O apoio social é moi importante, somos animais gregarios e necesitamos dos demais. É moi importante que a xente faga conciencia de que isto non é simplemente "pasar páxina" e xa está. As secuelas son tan graves que non se pode pasar páxina, ogallá. Paula Ferreira, psicóloga: "A amnesia disociativa é un mecanismo da nosa mente ante eventos de estrés extremo"Cristina Saiz – Por que na maioría das persoas que sufriron estas violencias os recordos non aparecen ata a idade adulta? Iso chámase amnesia disociativa. O noso corpo e a nosa mente teñen uns mecanismos de protección ante eventos de estrés extremo. Que a ti de súpeto che agreda un familiar sexualmente é un estrés extremo, sobre todo cando es unha criatura. O noso corpo e a nosa mente teñen un mecanismo que se chama disociación, que depende do nervio vago, que pode, imos dicilo de forma sinxela, separar a mente do corpo, e entón a memoria queda como nun caixón ben pechado, porque a dor emocional é tan grave que se tivésemos que xestionalo a esas idades morreriamos. Que sucede? Que temos unha memoria sensorial aínda que non teñamos unha memoria cognitiva. Entón, ante estímulos que ao corpo lle lembren, aínda que sexa vagamente, a experiencia, todo pode rebentar nun estrés postraumático diferido, mesmo décadas despois do suceso. – O plano das relacións sexuais é un dos máis afectados. Pero, como se pode explicar que o corpo adulto entre en pánico cando sente pracer nunha relación sexual sa, na que non hai ningún tipo de violencia? O corpo e a mente son complexísimos, e a súa interacción máis. Hai unha memoria sensorial. Se houbo manipulación, unha sedución perversa do adulto, o neno sensorialmente sente pracer cando lle tocan en certas partes do corpo. É un estímulo e unha reacción. Como cando pelas cebola e os teus ollos choran. Ti non podes controlar se os teus ollos choran ou non. Pois no corpo do neno pasa igual. O abuso sucede, remata, a criatura segue crecendo e, de súpeto, cando empeza a ter as súas primeiras relacións todo iso pode rebentar. Aínda que era un abuso, a criatura non sabe do todo por que aquilo está mal e por que lle fai sentir mal; e aínda que lle dea un gustiño, digamos, aínda sendo nenos, temos unha intuición, sabemos que aquilo non está ben, aínda que non saibamos por que nos sentimos mal, aínda que o noso corpo sinta benestar. É un estímulo-reacción-memoria. E non podemos controlar cando sucede. Son tantas variables, que sería longo de explicar. Porque ademais teño a experiencia, sei como funciona, vivín moitos dos procesos que explico. Afortunadamente, a día de hoxe, son outra persoa xa. Paula Ferreira, psicóloga e divulgadora sobre violencia sexual na infanciaCristina Saiz – No teu caso, empezaches a estudar o Grao en Psicoloxía entrados os 40 anos. Foi unha evolución necesaria? O meu estrés persoal complicoume a vida a partir dos 30. Caín nun proceso de psiquiatrización porque tiven unhas secuelas gravísimas e a medicación non me axudou. Entón empecei a informarme sobre bioquímica, medicacións, efectos secundarios e, máis ou menos, ordenei a miña vida. Alguén me dixo que co que sabía e a miña propia experiencia podía axudar a outras persoas. Tiña máis de 40 anos e por fin unha vida cómoda, pero me tocou a conciencia e empecei a estudar Psicoloxía. Ao estudar comprendín aínda máis os meus procesos, mellorei máis a miña vida e agora vou informando a outros e outros van tomando esa axuda. – Dalgunha maneira transformar toda esa dor en algo positivo? Si, en algo positivo, en poder axudar e que sexa útil. Sinceramente, non podo cambiar o pasado. Eu sempre tiven moita memoria e lémbroo practicamente todo punto por punto. Para min, durante un tempo, foi unha tortura, porque revivía iso unha e outra vez e non me deixaba avanzar. Pero si podo construír outro futuro, transformar o meu presente e o presente doutras persoas. Eu teño un amigo que me coñece dende nena e que sabía o tímida que eu era, que non me relacionaba, que estaba sempre como un animaliño asustado, e dime que non teño nada que ver polo poderío que teño hoxe. Por iso dalgunha forma tamén a miña mensaxe é o da esperanza. É difícil, é lento, hai que ter moita paciencia e disciplina, rodearse ben, pero imposible non é. Porque eu o fixen. – Neste traballo de "reconstrución" unha boa ferramenta sería a escritura emocional-reflexiva que ensinas nos talleres que impartes na UNED? Nos talleres trato temas que no seu momento para min foron cruciais. Doulles moitísima información acerca de como funciona a súa mente e o seu corpo en interacción. E logo póñolles exercicios que traballan cada temática. Falamos de identificar e xestionar emocións, de como funcionan os nesgos de pensamento, os apegos... Simplemente escribir xa ten uns beneficios sobre a integración da activación dos nosos circuítos neuronais, que están bastante prexudicados cando hai trauma, cando hai depresión, cando hai ansiedade, etcétera. Entón, ao activarse dunha maneira máis integrada o cerebro, xa axuda en moitos procesos. Se por riba facemos reflexión, o cambio pode ser espectacular. Eu teño persoas que tiñan medo a falar en público, cousa que me sucedeu a min tamén, e agora falan moitísimo cando están en clase. Ás veces, rompes un bloqueo e é como a porta de entrada a romper outros moitos. – Por último, é posible reconstruír a vida, as relacións, a autoestima, despois dun trauma por violencia sexual na infancia? Que mensaxe poderíaselle dar ás persoas que aínda non puideron pedir axuda? Si, é posible. Como dixen antes, rodearse moi ben, conseguir todo o apoio posible de persoas que non xulguen e, se necesitamos unha psiquiatrización, de acordo como muleta, eu véxoo ben, pero hai que buscar outras solucións. O trauma non se soluciona con pastillas. Iso é algo que teño clarísimo. Entón xa sexa por asociacións, por privada ou pola Seguridade Social, hai que buscar psicoterapia. Se poden, que busquen un bo profesional que entenda o trauma e que enfoque o tratamento do trauma de forma respectuosa e gradual. Porque o que si teño claro é que isto é un proceso de moitos anos.