Pica Pica, A Gramola Gominola e o Mago Paco lideran o Nadal máis familiar de Poio

Wait 5 sec.

O Concello de Poio xa deixou caer unha primeira pincelada do que será a súa programación de Nadal… e vén cargada ata os topes. Espectáculos musicais, teatro, maxia e obradoiros gratuítos para todas as idades compoñen unha proposta coa que o municipio busca consolidarse, por terceiro ano consecutivo, como un dos grandes destinos familiares destas datas. Entre as estrelas do programa destaca a parada do grupo infantil Pica Pica, que incluirá Poio na súa xira de inverno coincidindo co lanzamento do seu novo álbum dixital, Navidad Total. O trío formado por Belén, Nacho e Emi —toda unha máquina de alegría con máis de 10 millóns de subscritores e 8.000 millóns de reproducións en YouTube, flamantes gañadores do Botón Diamante— promete un espectáculo para brincar, cantar e compartir en familia. A cita será o domingo 4 de xaneiro, ás 18.00 horas, na carpa Poio Máxico instalada na Seca. Tras o éxito dos Cantajuegos e de Juan D y Beatriz o pasado Nadal, o Concello de Poio aposta de novo por unha programación "ambiciosa, divertida e pensada para todos os públicos". A intención é ofrecer cultura de calidade de maneira totalmente gratuíta, para que ningunha familia quede fóra. Un contraste notable respecto doutras propostas nas que asistir a un só espectáculo pode custar entre 80 e 100 euros para catro persoas. A festa continuará o venres 19 de decembro, tamén ás 18.00 horas, coa chegada de A Gramola Gominola e o seu "Especial Nadal", inspirado no libro-disco O Nadal coa avoa Fina. Un recital no que o Apalpador, o humor, o rock&roll e as cancións para bailar en familia estarán asegurados. O sábado 20 de decembro será a quenda do teatro musical Os tres porquiños, unha revisión moderna do conto clásico, con bonecos a tamaño real e dous exploradores —Xan e Xiana— dispostos a mergullarse no bosque para coñecer os seus personaxes favoritos. A maxia tamén terá o seu momento co sempre sorprendente Mago Paco, que traerá ilusión, risas e algún que outro misterio o xoves 25 de decembro, ás 18.00 horas. A festa comezará oficialmente o sábado 29 de novembro coa inauguración do Nadal na Praza do Mosteiro, que incluirá animación, música e a tradicional conta atrás para o acendido das luces. As xa coñecidas Aldeas de Nadal repartirán encanto por todo o municipio: os muíños de Samieira, o parque de Lourido, o Adro de San Salvador, a Praza da Chousa de Combarro, o porto de Raxó, a Praza da Granxa de Campelo e a contorna da igrexa de San Martiño serán algúns dos escenarios máxicos deste inverno. E, como non, a carpa Poio Máxico volverá erguerse na Seca como punto central das grandes citas.