Sete municipios pontevedreses, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña, Portas, A Estrada, Barro e Campo Lameiro, queren impulsar un servizo de recollida e tratamento dos seus residuos que teña un carácter supramunicipal. Os rexedores deste sete concellos sentaron este martes as bases para un estudo que permita detallar a fórmula máis axeitada para facelo. Foi nunha reunión celebrada na casa consistorial de Caldas. Entre as posibilidades que barallan, segundo avanzaron, estaría a creación dun consorcio ou unha agrupación de concellos. Trátase de "economizar e reducir os custos" dunha prestación que todos eles consideran "fundamental" para a cidadanía. "O obxectivo é consolidar unha redución de prezos mantendo unha recollida e un tratamento dos residuos que teña unha máxima calidade", subliñaron o sete rexedores destes concellos, limítrofes entre si. Os alcaldes, que valoraron positivamente este primeiro encontro, destacan que esta medida busca alcanzar un "ben común" para todos os seus habitantes. De cara á creación deste servizo supramunicipal, estes sete concellos poranse en contacto coa Deputación de Pontevedra. Sosteñen que para poder impulsar este estudo será necesaria a "máxima colaboración" do executivo provincial para, entre todos, deseñar a solución máis axeitada.