Un encontro en Madrid logrou desatascar o proxecto da vía verde entre Pontevedra e Arcade. Adif, o administrador das infraestruturas ferroviarias españolas, aceptou ceder á Deputación de Pontevedra o tramo das vías de tren que está en desuso. A cesión para a súa reconversión en vía verde, unha iniciativa que liderará o goberno provincial, será por dez anos, segundo informou o presidente da Deputación, Luís López. "É unha noticia que a provincia levaba anos esperando", subliñou López tras reunirse cos responsables de Adif, entre eles o seu director de Patrimonio e Urbanismo, Alfredo Cabello. Ambas as partes acordaron iniciar os trámites para aprobar a concesión administrativa que permita que o trazado sexa xestionado polo executivo provincial pontevedrés. Para Luís López, esta vía verde é un proxecto "estratéxico" para a provincia, xa que permitirá darlle un novo uso do trazado ferroviario que deixou de empregarse coa entrada en servizo do tren de alta velocidade. Ademais de contratar un estudo de viabilidade deste trazado á Fundación Ferrocarrís Españois, os maiores expertos a nivel nacional para o impulso de vías verdes, a Deputación reservou 100.000 euros no seu orzamento para 2026 para a redacción do proxecto. Neste sentido, López destacou a importancia da cooperación e a unidade para desbloquear un proxecto "complexo e que require da colaboración entre administracións. A este respecto, o titular do executivo provincial celebrou a "boa disposición" do Ministerio de Transportes para liberar o trazado dentro do marco planificación ferroviaria estatal. A apertura da senda entre Arcade e Pontevedra é un dos tramos nos que está a traballar a Deputación dentro dunha actuación global que busca conectar as cidades de Vigo e Vilagarcía a través dunha senda peonil polas antigas vías do tren.