O edil de Cultura, Demetrio Gómez, asistiu este mércores á xuntanza convocada por Normalización Lingüística para presentar a posta en marcha do programa 'Modo galego, actívao!' no concello de Pontevedra. Á reunión, á que asistiron Xaquín Loredo e Gabino Vázquez, técnicos do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega (RAG), asistiu profesorado e equipos directivos dos centros de educación infantil e primaria do concello. Tamén as familias a través das ANPA. Este programa de dinamización do uso da lingua galega vaino a desenvolver o Concello de Pontevedra a través do servizo de normalización lingüística municipal en colaboración coa RAG e coa comunidade educativa de infantil e primaria do concello. Ten como obxectivo axudar aos nenos a usar o galego nos seus espazos de socialización logo de constatar as dificultades polas que atravesa a lingua galega. A diminución do número de galegofalantes é especialmente evidente entre a poboación máis nova dos contextos urbanos e periurbanos. Na primeira fase do programa está prevista a elaboración do mapa sociolingüístico escolar de Pontevedra (e de cada centro de maneira individual). Na xuntanza, técnicos do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega explicaron o proxecto, as fases e a metodoloxía para a recollida de datos, na que terán un papel moi importante tanto a comunidade educativa como as familias. Reunión para a posta en marcha do programa 'Modo Galego, actívao' Concello de Pontevedra