Ana Rosa Quintana falará na Escola Naval de Marín sobre comunicación e ficción televisiva

Wait 5 sec.

A Escola Naval Militar de Marín volverá converterse este venres 21 nun pequeno plató, pero desta volta non para rodar unha serie. Será para acoller a conferencia "Do directo a rodar na Escola Naval Militar de Marín. Unha traxectoria profesional ao servizo da comunicación", que impartirá a coñecida xornalista e empresaria Ana Rosa Quintana. A cita está organizada pola Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, unha iniciativa compartida entre a Universidade de Vigo e a Escola Naval. Comezará ás 19.00 horas e promete achegar ao público tanto a traxectoria profesional dunha das caras máis recoñecibles da televisión en España como as curiosidades da rodaxe de Marusía. Vientos de Honor. A produtora Unicorn Content, que preside a propia Quintana, foi quen gravou hai uns meses esta nova serie nas instalacións de Marín. Falar da carreira de Ana Rosa é falar de case 40 anos informando en prensa, radio e televisión, cun total de máis de 20.000 horas de directo ás súas costas. Desde hai 15 anos conduce El Programa de Ana Rosa en Telecinco, e no seu haber acumula nove premios TP, un Premio Ondas, o Joaquín Soler Serrano, o Eisenhower, o de Muller Directiva do Ano ou o do Club Internacional de Prensa, entre outros recoñecementos. Durante a conferencia, Ana Rosa tamén falará da experiencia de gravar esta serie, de oito capítulos, a primeira ficción televisiva que se atreve a mergullarse no día a día da Armada Española. Rodada na propia Escola Naval e en distintas localizacións das Rías Baixas, combina thriller, drama, amor, acción e misterio. Creada por Ignacio del Moral, Begoña Álvarez e Laura Beloso, conta cun elenco encabezado por Lucía Jiménez e Alfonso Bassave, e co asesoramento directo da Armada para garantir que a ficción non perda o aroma da realidade. Esta será a segunda actividade do curso organizada pola Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, posta en marcha en 1994 pola Armada e a Universidade de Vigo para fortalecer lazos culturais, científicos e humanísticos. En outubro inaugurouse a programación cunha conferencia sobre o pintor Augusto Ferrer-Dalmau, impartida polo propio artista acompañado da historiadora María Fidalgo.