Con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello do Grove pon en marcha unha ampla programación para promover a igualdade e sensibilizar sobre a violencia de xénero. O acto central terá lugar o 25 de novembro, ás 20:00 horas, na Galería Besada, onde se lerá o manifesto do Consello Local de Igualdade. O evento incluirá un recital poético de Queco Fresco e Maricamen Cacabelos, ademais dunha actuación musical da Escola Municipal de Música. A tarde pecharase coa inauguración dunha exposición fotográfica contra a violencia de xénero, elaborada polo alumnado de Bacharelato de Artes do IES Monte da Vila. Entre o 26 de novembro e o 17 de decembro, a especialista Baia Fernández impartirá os obradoiros "A rabia, como facer que sentila non me magoe", catro sesións pensadas para explorar emocións e aprender a xestionalas de forma saudable. Para participar é necesaria inscrición previa. O 27 de novembro, FADEMUR celebrará unha mesa redonda dentro do programa "Aliadas Sororas", reunindo representantes do CIM, da Garda Civil e da Subdelegación do Goberno, co obxectivo de mellorar o acceso das mulleres á información e fortalecer as redes de apoio. A programación continuará o 30 de novembro, cunha andaina contra a violencia de xénero que percorrerá distintos puntos clave do municipio. Xa en decembro, o día 13, celebrarase un obradoiro de autodefensa feminista, impartido por Cristy Tojo, que combina pedagoxía lúdica e técnicas prácticas para reforzar a seguridade persoal das participantes. Ademais, ao longo de novembro e decembro, os centros de secundaria do Grove acollerán charlas do CIM e da Asociación Esmar sobre recursos de apoio e prevención da violencia de xénero. Con esta programación, O Grove reafirma o seu compromiso de visibilizar e combater a violencia machista, implicando á cidadanía e, especialmente, á mocidade na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.