Un dos artistas que, nos últimos anos, máis creceu dentro do pop rock español actuará o próximo verán en Pontevedra. Trátase de Dani Fernández. A nova xira do artista, titulada La Insurrección Tour, contempla unha parada na cidade. Será o 20 de agosto na chaira do Recinto Feiral. Así o confirmou este mércores a promotora do concerto, Esmerarte, que informa que as entradas sairán á venda mañá, á cinco da tarde, a través de esmerarte.com e danifernandezoficial.es. Este anuncio chega aos poucos días de que o artista se alzara con dous galardóns en Los40 Music Awards 2025, mellor disco por La jauría e mellor colaboración por Y si lo hacemos, xunto a Valeria Castro, reafirmando así a súa meteórica carreira artística. La Insurrección Tour nace como un punto de inflexión na carreira do artista. Inspirada na idea do "zoo dixital", onde a exposición constante condiciona a vida diaria, a xira propón unha insurrección consciente: romper coas miradas alleas, asumir a imperfección e escapar da cultura do xuízo permanente. Con todo, mesmo nesta contorna hipercontrolada aparece unha greta, unha luz que convida a reaccionar. A insurrección que propón Dani Fernández non é violenta, senón consciente, animando "a saír da caixa, abrazar a imperfección e desafiar a cultura do xuízo constante". Este novo proxecto chega no mellor momento da carreira de Dani Fernández. O seu álbum La jauría entrou directamente ao número 1 en listas de álbums e vinilos, e alcanzou 117 millóns de streams e xa é disco de ouro. Os seus singles Todo cambia e Me has invitado a bailar lograron dous discos de platino e convertéronse nalgúns dos temas máis radiados do país e o seu documental, Todo cambia, triunfou en cines e consolidouse en plataformas. A cita do 20 de agosto na chaira do Recinto Feiral será un dos concertos sinalados do verán pontevedrés e galego. Dani Fernández presentará un directo no que repasará os temas que marcaron a súa carreira recente e que o consolidaron como unha das voces máis destacadas do pop rock nacional.