Pontevedra recupera o Centro de Información en Diversidades Sexuais (CIDES) con novo equipo técnico e maior dotación de recursos

Wait 5 sec.

O Concello de Pontevedra reactivou o Centro de Información en Diversidades Sexuais (CIDES), un servizo municipal que, segundo destacou a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Anabel Gulías, "volvemos, recuperamos, poñemos de novo en marcha" como un recurso básico para garantir acompañamento, orientación e atención especializada ao colectivo LGTBI. Gulías salientou que, a pesar de que "Pontevedra é unha cidade respectuosa", é imprescindible "ter un servizo que permita avaliar calquera excepción na nosa pauta habitual" e asegurar unha resposta profesional ante posibles situacións de discriminación ou vulnerabilidade. Afirmou ademais que Pontevedra "é unha cidade orgullosa, o 28 de xuño, pero tamén leva ese orgullo os 365 días do ano". O CIDES contará con dúas profesionais especializadas. Por unha banda, Mónica Novas Dios, psicóloga xurídica, sexóloga e criminóloga con especialización en violencia de xénero, que asumirá a atención psicolóxica. Por outra, Nessrin El Hachlaf Bensaid, avogada experta en migracións e refuxio LGTBI, así como en delitos de odio e responsable da área xurídica da asociación Kifkif. No seu caso, as consultas realizaranse de maneira online a través do seu despacho. O servizo establecerá unha liña directa cos centros educativos da cidade para difundir os seus recursos e facilitar que calquera persoa que estea a atravesar unha situación difícil poida acceder a unha "rede de apoio especializada". O horario de atención será de 9:00 a 15:00 horas, coincidindo coa apertura do centro. Non obstante, a atención psicolóxica poderá ampliarse a horarios de tarde cando sexa necesario. Gulías lembrou que o CIDES naceu no marco do programa Pinto e Maragota, impulsado inicialmente por Carme Fouces e posteriormente activado pola Concellería de Igualdade da man de Paloma Castro, aínda que o servizo sufriu un parón nos últimos anos. "Desde o principio do mandato falamos de darlle continuidade", sinalou a concelleira, explicando que o goberno local apostou por reforzar os recursos do Centro de Información á Muller (CIM) e complementar os servizos existentes. A reactivación do CIDES faise posible grazas á última modificación de crédito aprobada co voto favorable do PSOE e do BNG, que incluíu específicamente unha ampliación de 300.000 euros destinados a programas feministas e de diversidade. Con esta nova etapa, o Concello busca "darlle unha dimensión global aos centros de recurso tanto para as mulleres como para o colectivo LGTBI", consolidando así unha rede municipal máis ampla e especializada en igualdade e diversidade. O Centro de Información en Diversidade e Sexualidade (CIDES) é un servizo municipal pensado para acompañar, apoiar e celebrar á comunidade LGTBIQ+ en Pontevedra. O seu obxectivo é ofrecer atención profesional e especializada, ao tempo que promove a igualdade, o respecto e a visibilidade da diversidade sexual e de xénero. O CIDES atende nas instalacións municipais da Praza José Martí (3º andar), e tamén está dispoñible a través da súa web, do 676 097 339 e das súas redes sociais. Entre os seus servizos destaca a atención psicolóxica individualizada, adaptada á realidade de cada persoa, para reforzar o benestar emocional, social e persoal. Ademais, conta cun asesoramento xurídico especializado, que ofrece información e acompañamento sobre dereitos, discriminación ou delitos de odio. Cando se produce unha agresión lgtbifóbica ou unha vulneración de dereitos, o CIDES actúa cunha intervención integral, coordinada e absolutamente confidencial, garantindo que ninguén se enfronte só a unha situación así. O centro tamén sae das súas dependencias para levar a diversidade ás aulas, realizando charlas e actividades informativas en centros de ensino medio e superior, fomentando a sensibilización, a formación e a creación de espazos realmente inclusivos. Ademais, mantén unha activa difusión de recursos e información a través das redes sociais e dos medios locais, para que a mensaxe de apoio, visibilidade e igualdade chegue a toda a cidadanía.