O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, valora positivamente o anuncio de que se logrou desatascar o proxecto da vía verde entre Pontevedra e Arcade. Tras coñecerse que Adif, o administrador das infraestruturas ferroviarias españolas, aceptou ceder á Deputación de Pontevedra o tramo das vías de tren que está en desuso, Lores indicou que desde o goberno local de Pontevedra "estamos a favor de colaborar e de facilitar que se faga esa vía verde". Indica, iso si, que, á hora de executar o proxecto, hai que facelo "sendo conscientes de que ten dificultades". Asi, por exemplo, entre esas "dificultades" fala de que "hai tramos de vía antiga, pero hai tramos en que non hai vía antiga e hai que buscar alternativas". Tamén ve un posible impedimento en que o tramo de vías en desuso se ceda durante unha década, pois "dez anos non é unha garatía para facer grandes investimentos". O alcalde lembra que existe un acordo de todos os grupos da Corporación municipal de Pontevedra para que a Deputación se poña á fronte do proxecto e valora que é moi necesario. Veo unha "alternativa" para un tipo de mobilidade que utiliza moita xente por un espazo que teoricamente non ten perigo de ningún tipo. "Cada vez máis xente está a usar a biciclieta, saíndo os domingos, os sábados, etcétera. E todo o que saquemos de carrís bici fóra da cidade, con seguridade para os ciclistas, é un paso adiante que nós valoramos positivamente", concluíu.