Asinado o compromiso para crear novas piscinas ao aire libre no Lugar de Campo en Cuntis

Wait 5 sec.

O Concello de Cuntis contará cun novo complexo de piscinas municipais ao aire libre no Lugar de Campo. O presidente provincial, Luis López, e o alcalde, Manuel Campos, asinaron este mércores 19 o convenio que permitirá financiar integramente a través da Deputación de Pontevedra os 652.800 euros necesarios para a execución desta infraestrutura. O proxecto inclúe dúas piscinas, unha para adultos e outra infantil, e un edificio polivalente con vestiarios, cantina e control de accesos, instalado nunha parcela municipal de máis de 7.100 metros cadrados. O alcalde, Manuel Campos, xunto á tenente de alcalde, Conchy Campos, participou na presentación do Plan Extra, salientando que o proxecto foi seleccionado por concorrencia competitiva. Segundo o goberno local, a construción das novas piscinas supón a resposta a unha necesidade urxente do municipio e abrirá espazos de lecer e deporte accesibles para toda a veciñanza. Campos destaca que esta obra representa a terceira gran inversión conseguida nos últimos anos con fondos da Deputación, xunto ao desenvolvemento do Polígono Industrial e a reurbanización integral da zona do Espadenal, o que demostra, segundo indicou, a eficacia na xestión municipal e a boa coordinación co organismo provincial. Ao mesmo tempo, desde o organismo provincial resaltan o esforzo por apoiar proxectos estratéxicos en concellos de menos de 50.000 habitantes, como Cuntis. Luis López salientou que este municipio "está a recibir máis diñeiro ca nunca da Deputación", e lembrou a recente finalización das obras de mellora da seguridade viaria na localidade de Arcos, tamén financiadas polo organismo provincial, con máis de 450.000 euros. Segundo o presidente provincial, Cuntis benefíciase este ano de máis de 1,2 millóns de euros para distintos proxectos.