Dani Selma pide perdón: "Estou moi arrepentido do que pasou"

Wait 5 sec.

Estivo no centro da polémica durante os últimos días, desde que decidiu lanzar os dous penaltis dos que dispuxo o Pontevedra fronte ao Mérida saltando unha orde directa do técnico granate, Rubén Domínguez. Dani Selma compareceu este mércores na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón para explicarse e tamén pedir desculpas públicas. O fixo case por sorpresa, xa que o xogador designado para falar ante os medios era inicialmente Miguel Cuesta, e non foi até 15 minutos antes da comparecencia cando se confirmou que o protagonista sería o 9 granate. "Sempre son un xogador que dá a cara, nunca me escondín detrás de ninguén e creo que é o momento de falar", comezou dicindo Selma. "Estou moi arrepentido do que pasou o outro día. Creo que estiven equivocado. Saltei unha orde e iso está por encima de calquera decisión de xogador. Quero pedir desculpas, xa o falei no vestiario, co corpo técnico e dirección e, bo, faltábame pedir desculpas tamén á afección", explicou o dianteiro visiblemente afectado pola situación. "O primeiro que se vai fastidiado de aquí son eu, non só por fallar o penalti e por empatar, pola desobediencia. Obviamente aféctame, son unha persoa que tamén ten corazón e nunca estivera nesta tesitura. Teño que pasalo, se Deus me puxo aquí é por algo. Seguro que isto vaime a facer mellor persoa, vaime a facer crecer, vaime a facer máis forte", engadiu. Comparecencia de Dani Selma para desculparse do sucedido contra o MéridaCristina Saiz Selma deu as grazas "á dirección pola confianza, ao míster, corpo técnico e aos compañeiros que estiveron aí apoiándome", e insistiu en que a súa única intención era "axudar o equipo, coller esa responsabilidade". Preguntado sobre as consecuencias da súa acción, o dianteiro afirmou que "xa o estou levando como podo, estou a pagar o que fixen e a partir de aí xa se verá". De cara ao futuro mostrouse confiado en poder reverter a situación. "Son un mozo moi competitivo, amólame perder, amólame estar mal, e creo que lle vou a dar a volta á situación. Se vin aquí é para axudar un club, axudar o Pontevedra a que estea o máis alto posible e mentres estea aquí vou axudar no que sexa para defender este escudo", defendeu. E é que, a modo de resumo, "nese momento non o pensei. Pensei máis co corazón que coa cabeza", concluíu arrepentido a súa comparecencia tras o adestramento do primeiro plantel.