Os Feroz xa desvelaron quen recibirá este ano o seu premio honorífico. Será a actriz Marta Fernández-Muro, que será homenaxeada no marco da cerimonia da súa edición de 2026, que se celebrará en Pontevedra o próximo 24 de xaneiro. Experta 'robaescenas' e rostro imprescindible do cine español, a Asociación de Informadores Cinematográficos de España recoñecerá así a unha actriz cunha profundidade nos seus traballos que vai moito máis alá dos papeis cómicos que lle deron unha gran popularidade. Este Premio Feroz de Honra 2026 protagonizará un ciclo especial en Pontevedra e, nos días previos á gala, ofrecerá unha clase maxistral para charlar co público pontevedrés. Aínda que os mozos a recoñecerán como a nai de Raúl Cimas na brillante serie Poquita Fe, Fernández-Muro leva case corenta anos de carreira, na que non só foi actriz de cine, teatro e televisión. Tamén é empresaria, escritora e foi bailarina de danza clásica. Adolescente insólita nos anos 60, foi unha das fans que acudiu á praza de touros de Las Ventas a ver o concerto dos Beatles en Madrid. E non só iso: o NO-DO franquista elixiu o seu rostro como exemplo da mocidade "rarita e toleada" que esperaba aos británicos no aeroporto de Barajas. Foi un amigo da súa irmá Teresa, Ricardo Franco, o primeiro que lle deu un papel no cine. Ela empezara a estudar teatro tras ver un anuncio no xornal sobre unha escola na que había, sobre todo, alumnos e profesores arxentinos. A súa naturalidade sen extravagancias, nada impostada, valeulle ser para o cine, segundo a AICE, "a secundaria de luxo que se come a cámara". Unha actriz en constante aprendizaxe, farta de interpretar monxas e criadas doces, inocentes, ás veces tontorronas, marchou a Nova York, onde recibiu unha formación que lle permitiu traballar con solvencia no teatro da man de Nuria Espert, Miguel Narros ou Adolfo Marsillach Pero se o seu percorrido en teatro é espectacular, no cine ten un currículo aínda maior. Desde o seu debut en Los restos del naufragio (1978), con Fernando Fernán-Gómez e Ángela Molina, formou parte de filmes que son historia do cine español como La colmena, Laberinto de pasiones, La ley del deseo, La comunidad ou Volver a empezar. O seu nome atravesa as últimas décadas do cine, do teatro e, tamén, da televisión española, desde Cajón desastre a Farmacia de guardia, Periodistas, e máis recentemente en Seis hermanas, Supernormal e Sin gluten. En 2009 publicou o seu primeiro libro de relatos, Niñas malas, ao que seguiu Azogadas dous anos despois; e, xa en 2021, a súa primeira novela La cabeza a pájaros