Dani Selma, unha 'pataca quente' no vestiario do Pontevedra

Wait 5 sec.

Cinco xornadas sen perder encadea o Pontevedra Club de Fútbol, situado na sexta posición da táboa no Grupo I de Primeira RFEF. Con todo, a pesar desa situación, a sensación da afección granate ao saír o pasado sábado do Estadio Municipal de Pasarón non era de satisfacción, nin moito menos. O vivido cos dous penaltis fallados por Dani Selma deixou un resaibo amargo na parroquia local, cunha bóla que non fixo máis que crecer ao confirmarse a insubordiación do dianteiro. Era o tema de conversación nos faladoiros, e non era para menos. "Hai unha orde e un xogador saltou a norma. Os actos que un fai na vida teñen consecuencias", explicaba na rolda de prensa post partido un Rubén Domínguez que debe afrontar agora unha 'pataca quente' dentro do vestiario pontevedrés. Brais Abelenda era o lanzador designado para os lanzamentos de penalti, pero Selma pediulle tirar a primeira pena máxima. A ollos do público, nada raro acontecía. Pero o dianteiro fallou o seu disparo e tras a revisión da videoarbitraxe que concedía unha segunda oportunidade a 'bomba' terminou de explotar publicamente. O técnico ordenou claramente que non asumise o lanzamento do segundo penalti, e varios futbolistas achegáronse a Selma para comunicarllo. Mesmo Raúl Marqueta cruzou todo o campo para discutir a acción co seu compañeiro, que fixo caso omiso. Unha secuencia que todos os presentes en Pasarón observaban incrédulos, e que desatou a indignación despois do segundo erro que privou ao equipo granate do triunfo. Os pitos e berros contra o 9 granate fixéronse entón evidentes, tamén ao final do encontro co plantel agradecendo o apoio aos afeccionados presentes. O certo é que a situación con Selma foise facendo máis rara co paso das xornadas. O ariete, titular no inicio de liga, non estivo fino cara ao gol a pesar dun esforzo que lle recoñecía a bancada, e esa mochila foille pesando cada vez máis. Fallou outro lanzamento de penalti na primeira xornada contra o Cacereño, e non viu porta até a décima xornada do campionato contra o Zamora. Viña o ariete de converter tamén un dos penaltis da quenda que clasificou ao Pontevedra na Copa do Rei, e o seu xesto tras anotar levándose a man á orella xa desatou os primeiros murmurios na bancada de Pasarón. Esa bóla de neve, pequena entón, co sucedido en Mérida creceu de maneira importante e ameaza o equilibrio nun plantel que até agora daba mostras de gran unidade. Cales serán as consecuencias da desobediencia é un asunto que Rubén Domínguez aposta por tratar a porta pechada, pero as súas palabras dan a entender un castigo que de momento só el sabe por cantas semanas se prolongará. No que vai de tempada Dani Selma participou en 13 partidos co Pontevedra entre Liga e Copa do Rei, seis deles como titular anotando un único tanto. YELKO PINO, BAIXA EN LUGO POR ACUMULACIÓN DE AMOESTACIÓNS Á situación de Selma e a lesión que Juanra sufriu fronte ao Mérida, o Pontevedra deberá afrontar no seu próximo encontro unha baixa importantre no seu centro do campo, a de Yelko Pino. O 10 granate viu a súa quinta cartolina da tempada, polo que previsiblemente o Comité de Competición imporalle na súa próxima reunión un encontro de suspensión. Polo menos os granates recuperarán para a causa a Miki Bosch tras perder a última xornada pola mesma circunstancia.