Pontevedra sumouse este luns á conmemoración do día mundial en recordo das vítimas de accidentes de tráfico cun minuto de silencio. Presidido polo subdelegdo do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, tamén contou coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e representantes da corporación municipal e das Forzas e Corpos de Seguridade. A cita buscou concienciar á sociedade da "importancia" de que, cada vez que collemos o coche ou cada vez que imos pola rúa ou pola estrada, teñamos presente que hai que "manter a atención, cumprir escrupulosamente as normas", pois "indubidablemente o que está en xogo é a vida das persoas e non hai nada máis importante". Segundo os datos facilitados por Losada, no que vai de ano rexistráronse 830 vítimas nas vías interurbanas da provincia, entre falecidos e feridos de distinta consideración. Contando todos os accidentes de tráfico en todas as vías de lla provincia, rexistráronse 17 falecidos, "máis ou menos na media dos últimos anos", e houbo 155 feridos graves, "un pouco por encima do a media". Outras 1.106 persoas resultaron feridas leves, "na media". Losada pon o foco nos colectivos vulnerables. Dos 17 falecidos, oito eran usuarios vulnerables, seis deles motoristas, e lembra que hai un "elemento de risco importante" na idade, pois hai maior sinistralidade entre as persoas de idade avanzada. O subdelegado aproveitou para facer unha chamada á prudencia de cara á chegada do inverno, pois "a mestura de choiva, xeo e menos luz solar" asegura que está "directamente relacionado coa sinistralidade de tráfico". "É necesario incrementar a prevención e incrementar o coidado", apela. En canto á análise da sinistralidade, sinala que as causas máis frecuentes son, como é habitual, unha velocidade inadecuada, as distraccións, a utilización de teléfonos móbiles e o consumo de alcol ou estupefacientes. Os accidentes rexístranse todo tipo de vías. Aínda que indica que as estradas autonómicas "son as que teñen un maior nivel de incidencia", recoonce que convén "ser prudentes, ser sensatos e saber que non ten que ver normalmente tanto as condicións obxectivas da vía, senón que as condicións xerais da condución, climatolóxicas, diúrnas, nocturnas, etc".