España sub-17 pecha a súa concentración no Salnés con outro triunfo ante República Checa

Wait 5 sec.

Nun domingo chuvioso, a selección española sub-17 pechou a súa concentración de novembro no Salnés cunha vitoria axustada por 2-1 ante a República Checa, rival ao que xa superara o xoves por 4-1. No campo de fútbol Novo San Pedro de Vilalonga, España buscou desde o inicio dominar o partido, tentando facerse coa posesión ante un equipo checo moi organizado e preparado para saír rápido á contra. O primeiro gol de España chegou aos 34 minutos desde o punto de penalti tras unha man dentro da área. O xogador do Real Madrid Enzo Alves foi o encargado de transformar coa dereita e abrir o marcador. Con todo, a alegría durou pouco ao combinado dirixido por Sergio García, e é que a República Checa, tan só dous minutos despois, devolveu a igualdade tamén desde o punto de penalti por medio de Chab Adam. Na segunda metade, o equipo español fixo méritos para adiantarse no marcador, movendo o banco para refrescar ao equipo e romper a resistencia checa. E a recompensa chegou no minuto 78, cando o dianteiro do FC Barcelona Roberto Tomás asistiu a Ian Mencía, do Atlético de Madrid, para que cabecease ao interior da portaría rival e anotase o 2-1. A partir dese momento, cunha tormenta desatada, España soubo replegarse ben en defensa para manter o resultado até o final. Cabe destacar que Mateo Sobral, centrocampista de Soutomaior que milita no equipo xuvenil de División de Honra do RC Celta e que xa chegou a ir convocado co filial de Primeira RFEF, volveu gozar de minutos ao saír ao campo no minuto 84.