Reactívase a construción de 52 vivendas na Urbanización Pazo Besada

Wait 5 sec.

O Concello de Poio anuncia a recuperación das obras de construción dos edificios tres e catro na Urbanización Pazo Besada, situada en Andurique, paralizadas dende hai quince anos. Esta intervención suporá a creación de 52 novas vivendas, permitindo eliminar as estruturas inacabadas e mellorar tanto a imaxe como a seguridade do entorno para veciños e usuarios do propio Pazo. Segundo a concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, a Comisión Informativa aprobará en breve a licencia necesaria para estes inmobles, tras o visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio e unha serie de reunións mantidas no último ano entre o Goberno local, promotores e técnicos. O obxectivo: desbloquear un proxecto iniciado en 2009, que contemplaba catro edificios con 150 vivendas e garaxes, dos que só se remataron dous. Esta medida enmárcase nun contexto de demanda crecente de vivenda e o goberno local quere ampliar o parque residencial, eliminar focos de feísmo e abordar as preocupacións veciñais sobre o acceso á vivenda. Cochón destaca ademais que só na parroquia de San Salvador, nos últimos dous anos, lograron avanzar con máis de 200 novos inmobles, tanto en proceso de execución como xa finalizados, e que continúan coas xestións para ampliar o solo destinado a vivenda pública. Poio reactivará a Urbanizacion Pazo BesadaConcello de Poio A responsable de Urbanismo pon en valor o traballo do goberno municipal para que Poio se sitúe como "un concello mellor para vivir, traballar e investir", impulsando tamén proxectos empresariais e o desenvolvemento do Polígono de Fragamoreira. Entre as medidas do executivo destacan a axilización dos trámites urbanísticos, a colaboración co tecido social e institucional, a rebaixa de impostos ás familias e a mellora dos servizos.