A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a presidenta da Asociación Española contra o Cancro (AECC) de Marín, Emilia Rey, asinaron esta semana o convenio que regula a subvención nominativa de 4.000 euros que o Concello concede anualmente á entidade. A axuda está destinada a sufragar os gastos derivados da súa actividade diaria e dos servizos de apoio que presta a pacientes e familias do municipio. Durante a firma, a rexedora destacou a importancia do traballo que realiza a AECC na localidade. "Este apoio é o mínimo que podemos facer por unha entidade que é moito máis que unha asociación", segundo subliñou María Ramallo "é un espazo desde o que reivindicar, desde o que visibilizar, no que sentirse acompañados e que actúa como refuxio para quen está a pasar por esta enfermidade", afirmou. A achega municipal súmase a outras liñas de colaboración, entre elas o respaldo a un dos eventos solidarios máis consolidados do municipio como é a andaina solidaria Montes e Praias, que se celebra cada mes de marzo e que se converteu nunha cita imprescindible para recadar fondos en favor da loita contra o cancro. Desde a AECC agradeceron o respaldo continuado do Concello e lembraron que este tipo de apoios permiten manter e ampliar os programas que a entidade desenvolve en Marín ao longo do ano.