O audiovisual da campaña turística 'Cando volves?' coa que a Deputación de Pontevedra promociona as Rías Baixas acaba de gañar un novo recoñecemento, o sexto de índole internacional. Despois de levar premios en Cannes, Tortosa, Estados Unidos, Sudáfrica e Xapón, agora foi recoñecido no Amorgos Tourism Film Festival de Grecia. Este premio chega despois de ser seleccionada entre numerosos vídeos promocionais de destinos de todo o mundo na categoría de Produto Turístico. O Amorgos Tourism Film Festival é un festival internacional organizado pola Asociación Cultural de Mulleres de Amorgos que premia as producións audiovisuais que destacan polo seu compromiso coa sostibilidade turística e por impulsar boas prácticas en canto á conservación do medio natural. O seu principal obxectivo é fomentar a creatividade e o impacto positivo do cinema na industria do turismo. 'Cando volves?' é unha obra audiovisual na que os lugares do interior da provincia teñen todo o protagonismo, dentro dunha campaña onde tamén se fala da hospitalidade e do carácter acolledor da xente da provincia. A Deputación escolleu este ano o interior de Pontevedra debido a que queda moito da provincia por descubrir, para así convidar a xente a achegarse a el en diferentes ocasións ao longo de todo o ano, coa desestacionalización como obxectivo. PROMOCIÓN NA FEIRA XANTAR A Deputación de Pontevedra contará cun stand propio no Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar que terá lugar en Ourense desde este xoves 20 de novembro e ata o domingo 23. A cita é unha oportunidade única para amosar a posibles visitantes o gran potencial da provincia, cunha ampla oferta enogastronómica.