PODCAST. Verifactu e non Verifactu, a Axencia Tributaria responde

Wait 5 sec.

Verifactu: verificar a facturación. É o obxectivo que a Axencia Tributaria pretende co sistema de facturación que entrará en vigor o próximo 1 de xaneiro de 2026 e ao que deberán estar incorporados empresas e profesionais autónomos o 1 de xullo. Daniel Gómez Aragón é inspector de Facenda e actualmente delegado da AEAT en Pontevedra. Responde no podcast 'Cara a cara' unha serie de cuestións para dar resposta ás dúbidas que pode haber entre os contribuíntes a quen incumbe esta introdución. Un sector determinante na aplicación son quen se dedican a deseñar e producir os softwares (sistemas informáticos), xa que non se pode comercializar ou usar un que non cumpra co establecido na Lei Xeral Tributaria. Facelo leva riscos legais e multas. É por iso que "o fabricante ou o deseñador do software ten que facer unha declaración responsable. É dicir, el ten que certificar que o seu software cumpre con eses requisitos", sinala. Que cambia e que non sobre os procedementos actuais de facturación é outra das cuestións ás que responde Gómez Aragón. Existe a posibilidade entre os contribuíntes aludidos, de escoller entre o sistema Verifactu e non Verifactu. "Son opcionais: poden remitir a información (factura) á Axencia Tributaria de maneira inmediata; ou non remitila, gardándoa na túa base de datos e conservala",explica. Até a data a Axencia Tributaria non dispón de estimacións sobre porcentaxe de empresas e autónomos que se decanten por unha ou outra opción, indica: "nese sentido, esperemos que a xente se anime (á opción Verifactu) porque ao final é unha facilidade para todos eles". Tampouco, como manifesta no podcast, hai estimación sobre aumento da recadación tributaria con este novo sistema de facturación: "fanse unha serie de estimacións pero é moi difícil de acoutar porque obviamente si está mergullada ninguén sabe exactamente canto hai". Esta incorporación á hora de facturar é unha fase dentro dunha previsión máis ampla, por exemplo "utilizar toda esa información para darlles máis traballado todo o que son as declaracións e mesmo, a medio ou longo prazo, quitarlles algunhas obrigacións de modelos que hai que presentar", avanza o delegado da Axencia Tributaria. Incorporar este sistema de facturación deriva de "recomendacións da OCDE, da propia Unión Europea" e neste ámbito como fóra del "moitísimos países xa teñen os seus sistemas de facturación neste sentido en marcha". Para resolver dúbidas sobre Verifactu, está activado un informador Verifactu na web da Axencia Tributaria. "Temos unha listaxe de preguntas máis habituais e máis frecuentes. E tamén a canle de chat, no que chateando pódeche tratar un profesional específico da Axencia".