O PP ve "inadmisible" que o colexio A Xunqueira I se inunde cada vez que chove forte e esixe unha solución "definitiva"

Wait 5 sec.

O PP carga contra o Concello de Pontevedra pola situación que está a vivir o CEIP A Xunqueira I despois de que o pasado venres o patio e o comedor do centro educativo quedaran inutilizables pola acumulación de auga durante un episodio de fortes choivas. A concelleira Aroa Otero visitou o centro para reunirse co seu director, Manuel Blanco, e interesarse pola situación e subliñou que é "inadmisible" que "o colexio se inunde cada vez que chove forte". Critica especialmente que esa auga entra en espazos utilizados diariamente por escolares e profesorado que merecen seguridade e unhas instalacións en condicións. Otero lembra que o mantemento dos centros de Infantil e Primaria é competencia exclusiva do Concello de Pontevedra. Considera que as imaxes do patio convertido nunha lagoa, o comedor inutilizado, o pavillón anegado e o profesorado reorganizando aos rapaces noutros espazos "son evitables se o Concello de Pontevedra cumpre dunha vez as súas obrigas de mantemento das instalacións". Aroa Otero e o director do CEIP A Xunqueira I, Manu BlancoPP de Pontevedra A concelleira do PP sinalou que a zona na que o colexio está construído hai máis de 50 anos sofre un problema estrutural. Carece dun sistema de drenaxe axeitado e o terreo non absorbe a auga, o que agrava o problema cando coincide a chuvia coa preamar, polo que criticou ao Concello por non actuar para evitar esta situación. "Isto sabeo todo o mundo dende hai anos, e por iso resulta incomprensible que non se fixera nada", recriminou. Así, insiste en que a drenaxe do patio, o estado da contorna e o bo funcionamento das instalacións son responsabilidade municipal, non da Xunta de Galicia, como afirmou o concelleiro Demetrio Gómez no pleno da Corporación celebrado este luns. Considera "moi grave que o BNG tente desviar responsabilidades mentres continúa sen facer nada". O PP de Pontevedra lembrou este martes que leva moito tempo advertindo da "situación de indefensión" na que se atopan neste centro. De feito, en xullo de 2024, varios concelleiros visitaron as instalacións para denunciar publicamente as deficiencias, entre elas, as pozas no patio, a falta de mantemento e a necesidade de actuar con urxencia. "Dixémolo daquela e repetímolo agora, se non fan o mantemento necesario, estas inundacións volverán ocorrer. Lamentablemente, o do venres foi un capítulo máis", sinala Aroa Otero. O PP de Pontevedra esixiu unha obra integral de drenaxe, "seria e definitiva", na parcela do centro e na súa contorna, que o goberno local do BNG "asuma as súas competencias e deixe de culpar á Xunta", e que esta actuación figure nos próximos orzamentos municipais, cun compromiso real de execución.