Biblioteca para bebés no Hospital Provincial porque "os libros tamén acunan"

Wait 5 sec.

A área de Pediatría do Hospital Provincial de Pontevedra inaugurou este martes 18 unha biblioteca de publicacións infantís na unidade de Neonatoloxía, dentro da campaña "Os libros tamén acunan". Esta iniciativa pioneira na provincia promove a lectura desde os primeiros días de vida, en especial entre os bebés prematuros, e quere contribuír ao benestar emocional e cognitivo dos pequenos e as súas familias. Pilar Crespo, médica adxunto na Unidade de Neonatoloxía, contextualiza a situación actual: "A nivel mundial, un de cada dez nenos nace prematuro, é dicir, antes das 37 semanas de xestación. En Galicia é algo menos, cerca do 7%". Este 2025, no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra naceron arredor de 50 bebés prematuros, dun total de 936 partos rexistrados ata a data, segundo indicou Crespo. A natalidade está a diminuír, pero a taxa de prematuridad mantense, "o que segue nutrindo as nosas unidades. Por iso, iniciativas como esta, que estimula o desenvolvemento cerebral do bebé nunha contorna fóra do útero e potencialmente estresante, son fundamentais para lograr o mellor futuro posible", engadiu a facultativa. Pilar Crespo valora a importancia tanto da estimulación temperá como da atención nas unidades pediátricas. Pola súa banda, Rita Cabanelas, supervisora da área pediátrica, destaca que a lectura favorece o vínculo afectivo durante o "Método Nai Canguro", ademais do desenvolvemento da linguaxe e as capacidades cognitivas dos neonatos. "Estar cos nenos, lerlles contos con ritmo e sonoridade, estimula o seu desenvolvemento cerebral. Para os pais, supón ser parte activa do coidado do bebé, máis aló de exercer como visitantes", argumenta. Presentación de "Os libros tamén acunan"PontevedraViva A colección con exemplares da editorial Kalandraka está pensada para bebés desde cero días ata ano e medio, e estará situada dentro da unidade de Neonatoloxía para ser utilizada polas familias durante as visitas ou as sesións de método Canguro. Hospitais de referencia como o 12 de Octubre en Madrid e o Vall d'Hebron en Barcelona xa contan con bibliotecas similares, sendo a de Pontevedra unha das primeiras en Galicia destas características. Sandra Senra, responsable de Libros para soñar, pon en valor a selección das obras: "Son libros con esquina redondeada, cun material que se pode limpar e desinfectar. Baséanse moito no ritmo e na rima. Son pequenos poemas con ilustración definida, axudan á estimulación visual". Trátase dunha colección de 18 exemplares de diferentes niveis. "O importante é a transmisión oral, as nanas, os pequenos versos que achegan os bebés á literatura dende moi cedo. Cremos que será unha semente para que, cando saian do hospital, as familias sigan creando este vínculo lector nas súas casas". Presentación dos libros para as familias en PediatríaÁrea sanitaria de Pontevedra-O Salnés INFECCIÓNS RESPITARORIAS NA INFANCIA O xefe do Servizo de Pediatría, José Antonio Couceiro, durante esta presentación explicou que actualmente non se está rexistrando unha incidencia significativa de ingresos infantís asociados a infeccións por virus respiratorios, incluída a gripe. "A introdución dos anticorpos monoclonais fronte ao virus respiratorio sincitial supuxo un fito, reducindo notablemente os ingresos hospitalarios", apuntaba. "En canto á gripe, detectáronse casos esporádicos, pero non requiriron hospitalización. A Xunta de Galicia e o SERGAS lanzaron este ano un plan de vacinación para todos os nenos de entre 6 meses e 11 anos, mediante vacina intranasal, que se suma ao programa habitual para grupos de risco", indicou Couceiro. O xefe de servizo recalca o éxito de participación: "As familias si se están animando a vacinar os pequenos. Hai mesmo un plan piloto de vacinación en centros escolares que está a funcionar moi ben". Libros no Hospital de Día infantilPontevedraViva