As escavacións que, desde hai tres anos, se realizaron no xacemento de Adro Vello, no Grove, permitiron reconstruír os dezaoito séculos de ocupación deste enclave, situado a beiras da ría de Arousa. Investigadores do grupo de estudos de arqueoloxía, antigüidade e territorio da Universidade de Vigo, liderados por Adolfo Fernández, o director científico deste proxecto, concluíron os traballos de conservación e restauración deste xacemento. A última campaña de escavación, que se desenvolveu desde o pasado verán, estivo centrada no antigo vertedoiro da fábrica de salazón, construída no século I. "A día de hoxe, xa temos todas as fases de Adro Vello reconstruídas en base a datos científicos bastante sólidos", sinalou Fernández, o que permitiu aos expertos interpretar toda a evolución dun xacemento que é "moi complexo". Adro Vello tivo vida de maneira "ininterrompida" durante dezaoito séculos, concluíron os arqueólogos a partir dos achados realizados nestes tres anos. Traballos de escavación no xacemento de Adro VelloUniversidade de Vigo Localizado na praia do Carreiro, foi construído por fases, a primeira delas a fábrica de salazón de peixe que o equipo investigador estima que estivo operativa durante os séculos I e II "e probablemente abandonouse xa no século III". A escavación no vertedoiro desta fábrica "é moi interesante", segundo o director destes traballos porque "nos deu moita información" ao ser un espazo "moi rico en materiais", no que atoparon restos orgánicos da limpeza do peixe, cerámicas e moedas. Sobre esta salgadura, posteriormente, construíron unha casa baixoimperial tardorromana, que na época altomedieval se transformaría nun lugar eclesiástico. Esta evolución acabou por dar lugar a unha extensa necrópole, acollendo finalmente á igrexa parroquial de San Vicente do Grove, que foi trasladada no século XVIII ao seu actual emprazamento. A intervención en Adro Vello, que contou con Patricia Valle como directora da escavación e con Marta Lago como directora de conservación, tiña como obxectivo que todas as súas estruturas, entre elas muros e tumbas, "puidesen quedar ao aire libre e non se degradasen". Estes labores completáronse posteriormente cos traballos de restauración do catro tanques da fábrica de salazón, que se están sometendo a un tratamento de conservación, centrado, sobre todo, na base de morteiro de cal das súas paredes. Ademais, obtivéronse datos sobre os materiais empregados en cada fase de construción, sobre os restos humanos e esqueletos achados nas tumbas da necrópole ou, mesmo, sobre os restos ictiolóxicos das sardiñas, que axudaron a completar o seu xenoma antigo. Traballos de escavación no xacemento de Adro VelloUniversidade de Vigo A partir dos datos obtidos nesta escavación, que contou co apoio da Xunta de Galicia, os seus responsables traballarán agora na futura musealización deste xacemento para poder abrir todo este ámbito ao público. Entre outras cuestións, o goberno galego quere abrir unha aula de interpretación nun espazo anexo á igrexa de San Vicente do Grove, onde se almacenaron a información e os materiais derivados destas escavacións. O espazo conta actualmente con doce paneis explicativos que tratan a historia e o significado do xacemento, unha maqueta do seu conxunto, un sarcófago pétreo extraído nel ou unha réplica da Moeda Xacobea de Traslatio exhumada durante unha escavación en 1985. Esta foi a última fase dun proxecto que, segundo apunta Adolfo Fernández, permitiu "interpretar, restaurar e conservar" este xacemento, onde as anteriores intervencións se realizaron hai catro décadas, entre os anos 1983 e 1990.