Un home deberá cumprir dous anos e catro meses de prisión por instalar cámaras ocultas nas habitacións do seu fillo e da filla da súa muller, menor de idade no momento dos feitos. O seu fillo e a súa fillastra mantiñan unha relación sentimental que era coñecida polo acusado e gravounos mantendo relacións sexuais. A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condénao como autor dun delito de descubrimento e revelación de segredos. A sentenza considera acreditado que colocou as cámaras camufladas nun reloxo e nun altofalante e que o fixo "movido pola intención de vulnerar o seu espazo máis reservado". A través das imaxes desas cámaras, segundo a sentenza, observou á menor "espida, semidesnuda ou mantendo relacións sexuais" coa súa parella, o fillo do agora condenado. O acusado alegou no xuízo que pretendía vixiar si o seu fillo consumía sustancias, pero os maxistrados da Audiencia consideran que iso non o exculpa, pois ven "evidente" que "para iso existen outros métodos non delituosos e non xustifica que gardase esas imaxes nun arquivo". O tribunal da Audiencia asegura que a declaración da vítima é "totalmente crible". Ademais, como proba, usáronse as 259 imaxes e dous vídeos que o home gardaba nun arquivo do seu computador persoal. O agora condenado tamén estaba acusado dun delito de corrupción de menores, pero o tribunal provincial absólveo ao entender que na obtención das gravacións a menor "permaneceu completamente allea á súa actuación, non só por descoñecer que estaba a ser gravada, senón porque non executou ningunha actuación sobre ela, non foi directamente involucrada ou perturbada". Ademais, "non consta ningunha difusión nin ánimo de difusión das imaxes e gravacións obtidas". A sentenza, que non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG, tamén o condena ao pago dunha multa de 12.000 euros e dunha indemnización de 20.000 euros. Tamén se lle impón a prohibición de aproximarse á vítima e de comunicarse con ela durante seis anos.