A quen benefician realmente os actos do 25N? Xa temos aquí, practicamente, o Día D, ou o que é o mesmo, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. E, como cada ano, xa desde os días precedentes, así como os inmediatamente posteriores, os actos institucionais sucédense a unha velocidade de vertixe, e chegan a proliferar de tal xeito que mesmo se pisan uns aos outros, amosando a súa "implicación", pero todos cunhas notas comúns: tentar levar aos convidados máis "VIP", lavar as súas imaxes, cada vez máis maltreitas, e con razón, xa que a violencia machista non deixa de medrar, e custa cada vez máis vidas de mulleres e de menores, e, por suposto, deixar constancia fotográfica e mediática do seu bo facer. Se isto se repite cada ano, este, o 2025, está a suceder dun xeito especial, xa que as eivas na prevención da violencia de xénero, así como na protección das vítimas, se fixeron máis evidentes ca nunca con feitos tan graves como os reiterados fallos dos dispositivos electrónicos de protección, que deixaron a centos e centos de mulleres que se crían protexidas nun estado de indefensión total, e non porque o fallo fora novo, senón porque foi cando se descubriu, xa que, do contrario, seguirían descoñecendo a súa situación de grave risco e na máis completa das ignorancias. Rapidamente, non soamente se "maquillou" a verdade, senón que todos presenciamos, e escoitamos, abraiados e indignados, como desde o Ministerio de Igualdade se tentaba minimizar a magnitude de tal fallo, e que a ministra, Ana Redondo, non soamente non asumira a súa responsabilidade, senón que, aínda por riba, se puxera "estupenda", como se a agraviada fose ela. A ninguén dos que traballamos coas vítimas cada día, nin, por suposto, a elas mesmas, se nos escapa que, se sempre se tenta correr unha cortina de fume cando se produce calquera fallo que mesmo custa vidas, nesta ocasión, dada a gravidade dos feitos e a proximidade desta data, provocaron que un suceso de tal magnitude se tentara silenciar do xeito máis rápido posible, e non se volvera a mencionar, porque, xa se sabe, do que non se fala, non existe. Din os "expertos" e os políticos, que aproveitan estas datas para sementar e recoller votos, que estes actos teñen como finalidade dar voz ás mulleres vítimas de violencia machista e concienciar a sociedade de que é algo que nos atinxe a todos, algo irónico cando procede daqueles e daquelas aos que, durante o resto do ano, non lles preocupa nin o máis mínimo, pero que, durante estes días, non dubidarán en protagonizar actos, e asegurarse de aparecer na primeira liña de fotos, diante das cámaras, protagonizar entrevistas, etc. E, ante un panorama tan "comprometido", a nosa pregunta é: realmente cren que as vítimas se senten, xa non imos dicir representadas, senón entendidas, apoiadas e axudadas? Rotundamente, non. Ofrecen credibilidade as súas "brillantes" actuacións? De novo, rotundamente, non. Cóntase con elas para a organización destes "saraos", cos seus sentimentos, co seu medo, coa súa situación de indefensión, de precariedade, de incapacidade para saír do seu inferno? E, unha vez máis, rotundamente, non. É máis, unha gran parte delas (obviamente, non falamos con todas) non soamente non se senten representadas nin apoiadas, senón ofendidas, ultraxadas e enganadas. As razóns para que isto suceda? Numerosas, pero imos expoñer algunhas delas. Din que todos estes "saraos", porque é o que son, teñen como finalidade dar voz ás vítimas, pero, agás moi raras excepcións, todos se celebran en horario laboral, co cal, obviamente, a súa participación, así como a da maioría da sociedade, por moi boa intención que se teña, é totalmente imposible, polo cal queda reservada a funcionarios (e non, antes de que alguén salte, non teño nada en contra dos funcionarios), políticos, persoas que non traballen... e pouco máis. Que muller vítima de violencia machista... ou non, se pode permitir o luxo de plantar o seu traballo a media mañá, ou toda unha tarde, para acudir a ningún destes actos? Máxime cando a maioría dos seus traballos son en precario. De feito, moitas destas mulleres estarán coidando dos fillos ou maiores de moitas destas "mulleres exemplares" mentres elas se sacan a foto ou nos dan leccións sobre violencia de xénero. En que axuda real e efectiva se vai traducir tal despregue de discursos, promesas e ben estudadas actuacións? A resposta é doada, e cada ano se repite: en ningunha. De que lles serve que lles falen de patriarcado, de machismo, de feminismo, de denuncias, de que rompan coa súa situación, se non teñen un medio de vida, se non poden ter acceso a unha vivenda, se non poden facer fronte ao pago das facturas dos servizos de primeira necesidade... de que? Como se pode ter a desvergoña de falarlles de prevención, de protección, cando estamos ás portas dun mes de decembro no que, entre pontes, días festivos, fins de semana e festas de Nadal, van quedar desprotexidas durante, como mínimo, tres semanas? Alegan os políticos e certos colectivos que non hai recursos económicos abondo para protexer as vítimas e aos seus fillos. Cantos miles e miles de euros se invisten cada ano na celebración destes eventos mentres se alega a falta destes recursos para axudar a estas mulleres? Poderiamos seguir e seguir, porque argumentos hainos e de sobra, pero non teriamos espazo abondo para debullalos todos. O resumo? Doado. No que atinxe á violencia de xénero, non haberá para pan sendo como é, de primeira necesidade, pero, para estampas, sobra. Asociación Si, hai saída.