A túa forte dentadura/Virase abaixo/Abaixo a dentadura/Abaixo a dentadura (Meu vello can de palleiro, Bibiano) https://www.youtube.com/watch?v=mj1-_Eqc_pU Era o meu segundo ano na universidade. Vivía na pensión de Alicia no barrio de San Roque (Lugo). Compartía andar con oito estudantes máis. Desde os fusilamentos do 27 de setembro a saúde do ditador empeorou. Moitas noites á escoitar Radio Pirenaica, a BBC ou Radio Renascença. As sete da mañá, dese xoves, un berro estoupou no o corredor: morreuuu!. Berraba o Toño, o primeiro en erguerse sempre. Saltamos da cama, berramos, abrazámonos, alegrámonos, os politizados e os non. Eramos antiditadura todos. Caras de ilusión. Almorzamos de vagar con caras de felicidade. Baixamos a celebralo ao bar que había a carón da pensión. Era un lugar ao que acudían moitos policías, a comisaría estaba cerca. Non tíñamos cartos para cava así que, cada un, tomou un café con leite cunha copa de coñac, como exceso económico, había que celebralo. Falábanos, riámonos, algúns policías miraban ca nós, non pasou nada. Na televisión había música sacra. Aparece Arias Navarro. Escoitamos a frase que non ía acompañar toda a vida: "Españoles, Franco ha muerto". Comezaba o loito oficial, suspendíanse as clases. Había que ir para a casa. Volvín. Só estaba miña avoa Pepa, A Chicha, republicana sempre. Mirámonos. Morreu — díxenlle eu. Non foi sen tempo — replicoume — o que máis me amola é que morrese na cama, a ver que pasa agora, a si que xa sabes coidadiño e ollo ao piollo. Era o seu xeito de dicirme que tivese coidado, o réxime seguía vivo. Non había móbiles, íamos aos sitios comúns para atoparnos. Todo apagado, música sacra, marchas militares. Un aburrimento. Collage "Atado e ben atado"Andrés Núñez Rajoy Tíñamos a ilusión dunha ruptura, vivíamos na utopía de ser como Portugal e o seu 25 de abril. Nomearon a El Rei Juan Carlos I herdeiro dos Principios Fundamentais. Logo Suárez. Na rúa bérrase liberdade e amnistía. Legalízase o PCE. Comezan a entrar polo aro. Lei de amnistía. Valía para os antifranquistas e, tamén, para liberar de pecado aos franquistas corruptos, ladróns ou asasinos. A proba definitiva, as primeiras eleccións de 1977, caciqueadas desde alcaldías, gobernos civís e o réxime. A Constitución do 78 (cómpre dicir que El Rei, agora emérito, nunca a xurou, nin prometeu). A realidade social foi o que foi. Veu a Transición da que tanto se fala agora, esa gran mentira, como di Nicolás Sartorius: "La historia que nos han contado de la transición es una gran mentira" https://www.eldiario.es/sociedad/nicolas-sartorius-historia-han-contado-transicion-gran-mentira_1_12769755.html. Na Transición houbo moita represión e, como non, tamén mortes. "Entrei na "mili" no 1981, en todas as dependencias estaba cravado o testamento de Franco. 1982, gana Felipe González, ese que nos quere dar leccións agora (nas dependencias militares seguía o testamento de Franco). A primeira visita foi a Divisón Acorazada Brunete, había que contentar e calmar aos militares, o primeiro subirlle o salario. Aí se quedou a gran revolución de Felipe González. Non fixo as reformas necesarias nunha democracia. As liberdades e a democracia conquistáronse na rúa. El Rei non nos dou nada, o que fixo desenvolver a frase de "qué hay de lo mío". Así chegamos ata hoxe, onde, os que un día se deitaron franquistas e se levantaron demócratas, volveron a ser franquistas. Decatáronse que os demócratas con poder non fixeron o que tiñan que facer. O poder é deles. Os empresarios que se fixeron ricos con adxudicacións fraudulentas son os mesmos. Agora éncheselles a boca ao falar de "meritocracia" e o "valor do esforzo". Dúas cousas que se pasan polo arco do trunfo (franquista) cando se trata de melloras na vida dos que menos teñen. Decátanse que a maioría da xudicatura é "dos deles", como están a demostrar. Os mortos seguen nas cunetas e queren que alí sigan. Falan de liberdade con letras grandes e non fan máis que cortala, o exemplo son as televisións onde mandan como TVG, Canal Sur e Telemadrid. Privatizan sanidade, educación e o todo que poden. Isto pasa porque, queirámolo ou non, todo quedou ben atado e ben atado. Si tes o poder económico e o xudicaturas para que queres máis? Non queda outra que seguir defendendo a democracia para conseguir desatar, o atado e ben atado. Évos o que hai, o resto e facer trampas ao solitario.