Unha persoa ferida nunha colisión múltiple na AP-9 ao seu paso por Barro

Wait 5 sec.

Unha colisión en cadea complicou a circulación na autoestrada AP-9 durante a mañá deste mércores 14 de xaneiro. O sinistro, que tivo lugar no quilómetro 122 ao seu paso polo concello de Barro, saldouse cunha persoa ferida de carácter leve e importantes problemas na fluidez do tráfico na entrada ao núcleo urbano de Pontevedra, segundo indcaba a Dirección Xeral de Tráfico a través das redes sociais. O servizo de emerxencias 112 Galicia recibiu a alerta ás 08:35 horas. Segundo o relato dun particular que presenciou o suceso, o accidente orixinouse cando un turismo chocou contra un camión, provocando un efecto dominó que acabou afectando a outros dous vehículos que circulaban pola vía. Dende o centro de mando de Axega mobilizouse un operativo inmediato para atender ás vítimas e asegurar a zona, no que participaron axentes da Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilagarcía e Urxencias Sanitarias de Galicia do 061. Unha vez no punto, os efectivos confirmaron que a colisión múltiple implicou a un total de dous turismos, unha furgoneta e un camión. Como consecuencia do impacto, o carril afectado quedou bloqueado, xerando as retencións propias da hora punta nesta vía. Aínda que a aparatosidade do accidente facía temer consecuencias máis graves, os servizos sanitarios informaron de que só unha persoa resultou ferida. Trátase dunha lesión de carácter leve, aínda que os facultativos decidiron o seu traslado ao hospital de referencia para unha revisión máis profunda. Os equipos de mantemento da autoestrada traballaron na limpeza da calzada para restablecer a normalidade absoluta na AP-9 o antes posible.