A Semana Santa de Paradela atravesa un momento delicado. A apenas tres meses do inicio das representacións, a dimisión en bloque da directiva da Confraría organizadora acendeu todas as alarmas e puxo en serio risco tanto a celebración dos actos como a continuidade da súa declaración como festa de interese turístico autonómico, concedida pola Xunta en 2010. A gravidade da situación levou ao Concello a reaccionar. A alcaldesa, Marta Giráldez, convocou de urxencia os veciños da parroquia a unha reunión clave que se celebrará este sábado, día 17, ás 19.00 horas, na Casa da Fábrica, no iglesario de Paradela, en Outeiro. Nun bando municipal, a rexedora subliña a "importancia do asunto" e apela á implicación de todos para tratar de reconducir unha crise que ameaza con deixar sen Semana Santa ao municipio. Aviso do Concello de Meis Desde o propio Concello recoñécese abertamente o risco que supón a actual situación. "Está en perigo o mantemento desta declaración de interese turístico autonómico se este evento non se realiza", advirten fontes municipais, lembrando que a non celebración da festa é unha das causas que pode motivar a retirada deste recoñecemento oficial. A alcaldesa, en declaracións recollidas polo xornalista Beni Yáñez no Diario de Arousa, admite que a estas alturas "non sabemos" si a Semana Santa poderá celebrarse como é habitual e confía en que a asemblea sirva para que "alguén dea o paso" e se forme un novo grupo organizador capaz de manter as escenificacións, xa sexa este ano ou de cara a 2026. O goberno local tanteou nos últimos días a distintos veciños para comprobar si existe vontade de asumir a organización, pero, por agora, non hai compromisos claros. A orixe da crise atópase nunha polémica interna relacionada coa substitución do actor que encarnaba a Xesucristo. A decisión de prescindir de Daniel Castro, inicialmente atribuída pola directiva a "diferenzas irreconciliables", xerou un notable malestar na parroquia. A situación foi tensándose aínda máis despois de que o propio actor expresase publicamente o seu descontento pola forma na que se produciu a súa saída e de que se falase con outra persoa para asumir o papel principal. Ante o clima enrarecido e as acusacións de favoritismo, a directiva optou finalmente por dimitir en bloque. "Non temos interese ningún en personalismos", sinalan desde a contorna dos responsables saíntes, que insisten en que a súa decisión busca "non prexudicar á Semana Santa". De feito, decidiron non acudir á reunión convocada polo Concello para evitar conflitos e favorecer un debate construtivo que permita a creación dunha nova directiva.