Marín anuncia novas prazas e reforzos de persoal en distintos departamentos municipais

Wait 5 sec.

O Concello de Marín poñerá en marcha nos vindeiros meses distintas incorporacións de persoal grazas á participación en programas de emprego promovidos por outras administracións públicas. O obxectivo é aliviar a carga de traballo en varios servizos municipais. Un dos primeiros en comezar será o novo Programa Integrado de Emprego, que contará con dúas persoas especialistas en orientación laboral. Estes profesionais encargaranse de acompañar ás persoas participantes no programa e de facilitarlles ferramentas para mellorar a súa empregabilidade. A súa contratación está financiada a través das axudas da Xunta de Galicia destinadas a este tipo de iniciativas. Paralelamente, mediante o programa +Emprega da Deputación de Pontevedra, o Concello incorporará unha persoa titulada en Informática e outra en Administración de Empresas, ambas destinadas ao departamento de Tesourería. Este servizo sumará tamén unha terceira incorporación grazas ao programa de Garantía Xuvenil impulsado polo goberno galego. Este mesmo programa autonómico permitirá reforzar o departamento de Servizos Sociais coa contratación dun educador social, unha medida coa que se busca dar resposta ao elevado volume de xestión e atención cidadá que soporta esta área municipal. No ámbito da seguridade, a Policía Local xa conta con dous novos auxiliares administrativos procedentes da Academia Galega de Seguridade, aos que se engadiu recentemente un axente que chega desde o Concello de Cangas en comisión de servizos. Ademais, o Concello anunciará proximamente as datas de inicio das probas para cubrir tres prazas de administrativo do cadro funcionarial e prevé convocar tamén tres postos de peóns para reforzar a brigada de obras.