Pintadas vandálicas no pavillón do Sequelo en plenas obras de reforma

Wait 5 sec.

A transformación do pavillón do Sequelo, un dos proxectos do Concello de Marín en materia de infraestruturas deportivas, viuse afectada nas últimas horas por un acto incívico. Apenas uns días despois de completarse a instalación da nova fachada, o recinto amenceu con diversas pintadas e danos por vandalismo. Os autores destes danos aproveitaron a estrutura das estadas instaladas para a obra, o que lles permitiu acadar a parte alta da fachada e realizar pintadas con sinaturas grafitteiras nas placas do novo sistema de illamento. Baixo a mensaxe "Así non!", o Concello de Marín fixo un chamamento á responsabilidade cidadá a través das súas redes sociais, lembrando que o mantemento e coidado do mobiliario e os edificios públicos é un deber compartido por toda a comunidade. A actuación, que arrancou no último trimestre de 2025, conta cun orzamento que supera os 725.000 euros, financiados de xeito conxunto pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra. O obxectivo principal das obras é á instalación dunha nova cuberta e un sistema de fachada SATE, que mellorará drasticamente a eficiencia enerxética do edificio. Ademais da renovación exterior e das ventás dos vestiarios, o proxecto inclúe un tratamento completo da pista deportiva, que será pulida e envernizada, e a substitución do perímetro por un material de PVC de alta resistencia.