O IES Mestre Landín xa está en plena acción tecnolóxica. O centro educativo marinense participa este curso no Reto COMPY Robot, unha iniciativa impulsada pola Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo en colaboración coa empresa tecnolóxica Binarial, con motivo do X Aniversario da Competición de Robots da UVigo. Tras a chegada ao instituto do robot industrial móbil COMPY, comezaron os primeiros traballos de programación, mapeado da contorna e navegación autónoma. Nesta fase inicial, o protagonismo recae no alumnado de 4º de Educación Secundaria Obrigatoria, que se implicou de forma directa tanto no deseño como na validación do reto, participando activamente en todas as decisións técnicas do proxecto. O desafío consiste en que o robot sexa capaz de crear un mapa do centro educativo e percorrer de forma totalmente autónoma unha ruta de ida e volta entre dúas aulas, separadas por un corredor de polo menos 20 metros. Todo iso tendo que detectar e superar os obstáculos reais da contorna escolar, como portas, cambios de iluminación ou elementos móbiles. Trátase dun reto que reproduce situacións reais da robótica industrial aplicada á automatización e a loxística intelixente. Esta experiencia permite ao alumnado traballar cunha plataforma de robótica profesional, similar á que se utiliza en contornas industriais reais, achegando a tecnoloxía avanzada ás aulas de secundaria e transformando a aprendizaxe nunha experiencia práctica e motivadora. Ademais, os estudantes participantes representarán ao IES Mestre Landín na Competición de Robots da Universidade de Vigo, que se celebrará no campus da Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo. Será unha nova oportunidade para que o centro volva estar presente nunha contorna universitaria e tecnolóxica de primeiro nivel, compartindo espazo con outros centros educativos e equipos especializados. A iniciativa destaca polo seu valor educativo, xa que achega a universidade ao instituto, fomenta vocacións científicas e tecnolóxicas e promove metodoloxías de aprendizaxe baseada en proxectos reais, integrando programación, robótica, resolución de problemas e traballo en equipo. Os resultados do traballo desenvolvido polo centro serán avaliados por un xurado formado pola Universidade de Vigo e a empresa Binarial, e optarán aos premios que se entregarán durante o acto oficial da Competición de Robots, previsto para abril de 2026. Un reto ambicioso que sitúa ao alumnado do IES Mestre Landín na vangarda da aprendizaxe tecnolóxica.