Cada día son atacadas polo lobo nove cabezas de gando en Galicia, segundo recollen os datos que fixo públicos este mércores o goberno galego, que alertou do incremento que se rexistra nestes episodios. Durante unha visita a unha explotación gandeira en réxime extensivo en Monte Coirego (Cerdedo-Cotobade), a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, explicou que, nos últimos dous anos, estes ataques creceron un 72%. Así, fronte aos 1.174 avisos que se rexistraron no ano 2021, en 2024 e 2025 producíronse unha media de 2.019 alertas. As reses afectadas por eses ataques pasaron de 2.050 en 2021 a unha media de 3.168 nestes dous últimos anos, o que implica unha subida do 55%. A situación, segundo Vázquez, é "máis delicada" nas explotacións dedicadas á cría equina, xa que os cabalos atacados pasaron de 311 no ano 2021 a 575 de media en 2024 e 2025, o que supón un aumento do 85%. Segundo o censo elaborado pola Xunta en 2022, a poboación do lobo ibérico mantense estable en Galicia, cun total de 93 mandas, e a súa presenza esténdese en máis do 90% do territorio, co que o seu estado de conservación é "favorable". A titular de Medio Ambiente criticou o "desleixo" do Goberno central e a súa "teima" en protexer ao lobo "de maneira arbitraria" e sen ter en conta a evolución da súa poboación nin o impacto que teñen os seus ataques no sector agrogandeiro. Vázquez censurou que o Executivo debe a Galicia 12 millóns de euros de fondos para compensar os danos do lobo, correspondentes aos anos 2022, 2023 e 2025 e lamentou a "falta de información" sobre o informe sexenal desta especie. Este documento, subliñou a conselleira, debería estar en Bruxelas antes do pasado 31 de decembro e "seguimos sen noticias", o que ao seu xuízo demostra a "escasa vontade" do Goberno en resolver este asunto. Ángeles Vázquez visita unha explotación equina en Monte CoiregoXunta de Galicia Como contraposición, Ángeles Vázquez presumiu do apoio da Xunta ao sector gandeiro, ao que destinará axudas de case 2 millóns de euros para previr os ataques do lobo e compensar os danos que se produzan. O goberno galego financia, a través destas axudas, a instalación de valados fixos, pastores eléctricos e cercas móbiles de malla electrificada, a adquisición de cans protectores e defensores ou a contratación de persoas coidadoras de gando. A estes conceptos súmanse as axudas directas para compensar os danos causados polo lobo entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026, que supoñen uns 600.000 euros dos dous millóns recollidos nesta convocatoria.