A primeira das dúas xornadas de folga médica convocadas esta semana en Galicia deixaron cifras dispares de seguimento entre a organización e o Sergas. A folga convócana as organizacións sindicais Facultativos de Galicia Independentes (O'MEGA), Sindicato Médico de Galicia (Simega) e Sindicato de Médicas e Médicos de Atención Primaria (SMP) e, segundo Simega, tivo un "éxito rotundo". Así, este sindicato fala dun seguimento medio superior ao 70% nos hospitais de referencia das sete áreas sanitarias galegas, que ascende ao 80% no caso de Pontevedra. Con todo, o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, rebaixa ese seguimento nos hospitais ao 29% en Pontevedra e o 27% no Salnés. A diferenza substancial radica en que os convocantes falan de cifras de seguimento dos médicos e facultativos que podían seguilo, sen contar servizos mínimos ou baixas e días libres e vacacións. José Flores recoñece que a folga tivo "máis impacto" nos hospitais, como xa fora habitual nas últimas convocatorias de paros. Así, en Pontevedra e O Salnés, reduce ese seguimieno do 29 ou o 27% a pouco máis do 7% no caso de atención primaria durante a mañá. Fala mesmo de cifras inferiores na xornada de tarde, na que adoita haber menos actividade de facultativos. Como consecuencia da folga, segundo Flores, na área sanitaria realizáronse 39 cirurxías menos e houbo 900 consultas menos nos hospitais. En atención primaria, realizáronse case 500 consultas menos e deixáronse de facer preto de 100 probas. Estas son as razóns da folga.