Jéssica Bouzas xa coñece o camiño que lle espera no primeiro Grand Slam da tempada. A tenista de Vilagarcía debutará no Aberto de Australia fronte á xogadora local Storm Hunter, actual número 363 do ranking WTA, especialista en dobres e procedente da fase previa. Hunter, de 31 anos, alcanzou en novembro de 2023 o número un mundial en dobres e acumula oito títulos WTA na especialidade, incluído un WTA 1000. En individuais, a súa mellor posición foi o posto 114 en abril de 2024, ano no que chegou á terceira rolda en Melbourne antes de sufrir unha grave lesión no tendón de Aquiles. Regresou ás pistas en 2025 e, fai menos dun mes, sorprendeu na United Cup logrando vitorias tanto en dobres como en invididual. No caso de Bouzas, afronta o torneo no mellor momento da súa carreira, situada no posto 40 do ranking WTA e disposta a superar a súa actuación do ano pasado, cando alcanzou a segunda rolda antes de caer ante o número un do mundo, Aryna Sabalenka (6-3, 7-5). No seu debut de 2024, a arousá vencera á británica Kartal (6-1, 7-6). En caso de superar a súa estrea en Melbourne Park, Bouzas medirase en segunda rolda á gañadora do duelo entre a estadounidense Hailey Baptiste, con quen caeu en Roland Garros, e a checa Marketa Vondrousova, número 32 do mundo. En canto ao resto de representantes españolas, Paula Badosa debutará ante a kazaka Tsarina Diyas, Cristina Bucsa medirase á ucraína Elina Svitolina e Guiomar Maristany, que logrou vencer a Kalieva no último partido da fase previa, disputará por primeira vez un cadro final de Grand Slam ante a rusa Veronika Kudermetova.