A Policía Nacional detivo en Marín un home de orixe colombiana de 42 anos que figuraba nas listas de Interpol cunha orde internacional de procura e detención. O home non tiña antecedentes policiais en España, pero si unha requisitoria xudicial internacional en vigor ditada por un xulgado de México por un delito de tráfico de drogas. O home fixara o seu domicilio en Marín e, tras ter constancia desta circunstancia, axentes da Comisaría da Policía Nacional iniciaron as xestións para a súa localización e detención. Os axentes estableceron un dispositivo de vixilancia nas inmediacións do seu domicilio e lograron detelo. Unha vez detido, foi trasladado á Audiencia Nacional, á espera de realizar todos os trámites necesarios para a súa extradición a México para cumprir a pena de prisión á que foi condenado naquel país. Os organismos de cooperación internacional establecidos para estes supostos, a través de Interpol, foron os que trasladaron á Comisaría de Marín a petición de colaboración para o arresto. Chegou á Policía Nacional un escrito que solicitaba a comprobación do actual paradoiro deste individuo e a súa detención requirida polas autoridades xudiciais de México por unha condena firme.