A cidadanía de Caldas de Reis uniuse con forza para plantar cara ao proxecto da variante oeste. Catro plataformas veciñais, nacidas recentemente nas parroquias de Godos, Bemil, Santa María e Arcos, están a traballar de xeito conxunto cun obxectivo claro: lograr a paralización total do actual proxecto e esixir unha alternativa que escoite e respecte as demandas da veciñanza e do propio Concello. A preocupación entre as parroquias afectadas é crecente. O proxecto que está a ser avaliado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible espertou unha onda de rexeitamento, reflectida nas case 3.000 alegacións presentadas en tan só dez días. A razón, segundo explican, está nos "graves prexuízos" que podería causar en múltiples niveis: social, económico, ecolóxico e patrimonial. De saír adiante o proxecto tal como está exposto, demoleríanse 16 vivendas e outras 24 quedarían seriamente afectadas. Ademais, o variante oeste partiría as parroquias, illando aldeas enteiras ao proxectar unha vía tipo "cerca", sen accesos, que interrompe a comunicación entre núcleos e empeora a calidade de vida dos seus habitantes. Todo isto, segundo as plataformas, non faría máis que acelerar o despoboamento do rural galego, un problema que xa se sofre desde hai anos. A nivel económico, estímase que máis de 30 empresas locais poderían verse afectadas. Moitas delas dependen directamente da actividade ao redor da N-550 e a N-640. Cambios drásticos nestas vías poderían pór en risco máis de 500 postos de traballo. E non menos importante é o impacto sobre o medio ambiente: a variante atravesaría numerosas canles, incluída a conca do río Umia, un ecosistema que podería quedar gravemente danado. Tamén o patrimonio está en risco, segundo sinalan estas plataformas, pois o trazado proposto afecta directamente ao Camiño de Santiago, tocando elementos de gran valor histórico como cruceiros, petos de ánimas e unha igrexa de orixe románico. O impacto patrimonial preocupa tanto como o humano e ambiental. As plataformas veciñais cuestionan a lóxica do proxecto. Sinalan que, aínda que o obxectivo declarado é mellorar o tráfico no centro de Caldas, o Ministerio impón unir esta variante co acceso ao porto de Vilagarcía desde a AP-9, algo que non ten relación directa. Ademais, o propio estudo recoñece que unha vía tipo rolda aberta sería a mellor solución para Caldas… e, con todo, opta por un trazado máis custoso e prexudicial. Os veciños reclaman unha vía "branda", con accesos e beirarrúas, que conecte a N-550 e a N-640, acordada co Concello e sen arrasar a contorna rural. Tamén piden excluír o acceso ao porto deste proxecto, xa que só aforraría menos dun minuto no percorrido e xeraría moito máis dano que beneficio. Ademais, esixen a liberalización do tramo da AP-9 entre Saiar e Carracedo, o que si reduciría o tráfico no núcleo urbano, e recuperar o proxecto paralizado da AG-47, que conectaría eficazmente o porto coa AP-9 sen duplicar infraestruturas. Desde as plataformas agradecen o respaldo do Concello e de todas as forzas políticas de Caldas de Reis, e comprométense a seguir traballando xuntos para defender o seu territorio. Anuncian que solicitarán reunións con todos os organismos implicados e, se as súas demandas non son escoitadas, non descartan mobilizacións e accións de protesta.