A derrota do Pontevedra Club de Fútbol ante o Bilbao Athletic en Lezama sentou como un xerro de auga fría no equipo granate, que, a xuízo do seu adestrador Rubén Domínguez "era un partido de empate". "Na primeira parte empezamos moi ben o partido, e salvo dez minutos –cinco antes do gol e cinco despois–, creo que foi un partido equilibrado polas dúas partes", explicou ao finalizar o enfrontamento. Sobre o desenvolvemento da segunda metade, o técnico sinalou que o Pontevedra estivo máis en campo rival e lamentou non aproveitar as ocasións claras que tiveron, especialmente un disparo ao pau de Vidorreta nada máis comezar a segunda parte. "Se metemos ese 1-1 nada máis empezar a segunda metade, igual estabamos a falar doutra situación. É un golpe anímico que podería virar a forma de xogar a segunda parte do Bilbao Ahletic", sinalou Domínguez. O adestrador recoñeceu estar "orgulloso" dos seus xogadores e eloxiou o esforzo e a actitude do equipo en todo momento ao considerar que "se baleiraron até o final. Tentamos facer un bo partido, tentamos vir a casa do Bilbao Athletic a meterlle man, non puido ser, vímonos co gol en contra e non fomos capaces de empatar o partido", lamentou. Sobre o nivel do equipo, resaltou o labor colectivo máis que a individual. En palabras do adestrador, "destacaría a todo o grupo. Eu creo que todo o equipo traballou tanto o once que saíron como os cambios, traballaron a tope, creron até o final, traballaron até o final, insistiron até o final e é unha pena. Creo que hoxe o Pontevedra fixo un partido serio e onde xogaron varios xogadores a gran nivel", recoñeceu. De cara ao futuro, Domínguez mostrou confianza e unha visión positiva. "Ao final só é un resultado, o que hai que ver é si o equipo está preparado ou non está preparado para sacar rendemento nesta categoría. Eu creo que está dabondo preparado e demostrouno hoxe unha vez máis, o outro día tamén contra o Tenerife a pesar da derrota. Está claro que agora temos outro partido fóra da casa en Ourense e temos que ir coa mentalidade de sacar o tres puntos, de seguir crecendo cada semana e seremos un bo equipo seguro que o domingo que vén. O martes xa imos coa cabeza limpa e a preparar a semana", concluíu.