Centos de persoas achegáronse este sábado á lonxa de Portonovo para gozar da VII Festa da Empanada Mariñeira. O Club de Piragüismo de Portonovo, coa colaboración da Confraría de Pescadores San Roque, organiza durante a fin de semana unha celebración que ademais de degustación ofrece animación con showcookings e charanga. Na inauguración da Festa participaron o alcalde, Telmo Martín, xunto ao director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial; o presidente do Club de Piragüismo de Portonovo, Alberto Rodríguez; o patrón maior, Martín Domínguez, e o concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola. A inauguración produciuse xa con colas para retirar os tickets de venda, ante as ganas de gozar dun manxar como a empanada. Esta festa gastronómica aposta por produtos do mar con selo de calidade como PescadeRías para ofrecer até 18 tipos de empanadas con recheos diferentes. VII Festa da Empanada MariñeiraConcello de Sanxenxo Todo co obxectivo de recadar fondos para financiar a actividade do club de piragüismo. Durante a primeira xornada celebrouse o showcooking 'As algas na masa. Un premio que nace do mar e da tradición' con Carmen Sánchez de Galuriña, xunto a unha charla da doutora en Bioloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, Ana Belén Crujeiras, ademais dun obradoiro-concurso familiar para nenos entre 5 e 12 anos e unha actuación musical de Grupo M80. A Festa da Empanada Mariñeira concluirá este domingo 21 de setembro, con apertura ás 12.00 horas. Ás 12.30 horas terá lugar unha maridaxe de Empanada Mariñeira con viños galegos a cargo de Miguel Ángel Besada, catador e propietario de A Curva. Ás 18.00 horas celebrarase o VII Concurso da Empanada Mariñeira, seguido ás 19.15 horas do fallo do concurso, a entrega de distincións e poxa das empanadas gañadoras. Ás 19.30 horas terá lugar unha actuación musical a cargo de Cantores Tradicionais de Moaña e ás 21.30 horas procederase ao peche das instalacións. O evento conta tamén coa exposición 'No Centro do Mar' cedida por Culturmar e doutra de Ollares de Portonovo sobre imaxes do mar. VII Festa da Empanada Mariñeira en PortonovoConcello de Sanxenxo