O Pontevedra acariña o empate pero o Athletic B resiste en Lezama

Wait 5 sec.

O Pontevedra regresa sen puntos de Lezama tras un partido no que dominou boa parte do xogo e xerou ocasións claras para igualar, pero no que non logrou superar a defensa sólida do Athletic B nin acertar na definición. Ben plantado e coas intencións claras. Así saíu o Pontevedra no campo do filial vasco, ofrecendo un arranque sólido con bo manexo de balón e unha circulación rápida. Once do Pontevedra CF no partido contra o Athletic B en LezamaPontevedra CF Con esas premisas, os granates conseguiron plantarse con certo perigo en campo rival, gozando da primeira ocasión tras unha combinación entre Tiago e Yelko que este último finalizou cun disparo desde a media lúa que o gardameta despexou a córner. Continuou o Pontevedra sendo dono do esférico, pero faltáballe a precisión nos últimos metros. A partir do minuto 10, o conto cambiou. O Athletic B tomou o control e o equipo de Rubén Domínguez pasou a defender, salvándose do primeiro tanto rival grazas a unha intervención de Marqueta tras un centro que rematou Adri Pérez. O gardameta granate rexeitou de puños e Ibai Sanz, dentro da área, finalizou moi alto. Tras esa ocasión, o filial non perdoou. Tivo moita fortuna, iso si. Irurita abriu o marcador cun disparo desde a banda dereita á altura do banco, sorprendendo a un adiantado Marqueta que viu como o balón se coaba no interior da súa portaría. Buscou a resposta o Pontevedra na busca do empate e conseguiu xerar certo perigo. Primeiro Alain Ribeiro cabeceou unha falta lateral de Yelko demasiado desviada e que foi anulada por fóra de xogo, e despois un remate de Eimil que acabou en córner. O Athletic replicou cun disparo de Ibon Sánchez que marchou fóra e un remate de Ibai Sanz detido por Marqueta. Nos minutos finais do primeiro tempo Yelko colgou unha falta no punto de penalti que Monreal despexou a saque de esquina e, xa no desconto, Ibai Sanz gozou da última acción a favor dos locais que rematou demasiado alta. Nada máis regresar dos vestiarios, o Pontevedra tivo a ocasión máis clara do partido para empatar. Yelko, unha vez máis, enviou o balón á área tras unha falta lateral e Vidorreta rematou ao traveseiro. O balón rexeitado colleuno Alain Ribeiro, pero un defensor despexou a córner. Co paso dos minutos, o ritmo do partido apenas variou ata que Rubén Domínguez realizou cambios para tentar darlle maior dinamismo ao xogo. A partir do minuto 70, o Pontevedra volveu achegarse con claridade á área rival, nunha acción que Adri Expósito non puido finalizar. Alain recolleu o balón, cedeu de costas a Selma, pero novamente un defensor desviou o disparo a saque de esquina. Seguiron insistindo os granates, pero seguía faltándolles claridade no momento decisivo. De feito, Luisao, nun intento de ceder a Brais, non conectou co seu compañeiro, quen, de controlar, quedaría nun man a man con Gamen. Entraba o partido na recta final e o marcador seguía sen moverse. Yelko sacou de esquina e un xogador local tocou coa man dentro da área. Rubén solicitou a entrada da videoarbitraxe, pero o colexiado considerou a acción involuntaria. O 10 granate volveu ter no desconto a opción de facer o 1-1, pero o seu chute foise por encima da portaría local. Aritz Conde respondeu no último minuto cunha gran acción que Marqueta envío a córner e coa que se pechou o partido. ATHLETIC CLUB B (1): Gamen, Irurita, Lete, Ibai Sanz, Ibon Sánchez, Buján, Izaguirre, Eder García, Adrián Pérez (Asier Monreal, min. 59) e Eghosa. PONTEVEDRA CF (0): Marqueta, Eimil, Miki Bosch, Alain Ribeiro (Juanra, min. 79), Álex González (Resende, min. 67), Brais Abelenda, Dani Selma (Luisao, min. 58), Yelko, Ander Vidorreta (Denia, min. 79), Montoro e Tiago (Expósito, min. 67). Goles: 1-0, Irurita, min. 21. Árbitro: Jaime Ruiz Álvarez (Asturias), asistido nas bandas por Roberto Domínguez e Urtzi Pascal. Amoestou a Asier Hierro (76'), Eñaut Lete (92') no Athletic B, e a Brais (50'), Vidorreta (53'), Resende (78') no Pontevedra. Incidencias: Partido da xornada 4 de liga na Primeira RFEF disputado en Lezama.