Agora que pasou a última e devastadora vaga de lumes do verán deste ano e que ningunha administración pública se fai responsable e mesmo chega a deixarse só como causa deles aos incendiarios, por non variar, vense de anunciar como alternativa basicamente as mesmas medidas do pasado, intentar resarcir economicamente os danos producidos e repoboar forestalmente con especies de rápido crecemento os terreos afectados, despois de incumprirse flagrantemente a propia lexislación autonómica e por derivación tamén a estatal en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. Para a Xunta de Galiza parece que o problema ao final só é a afección das faixas secundarias de biomasa dentro dos 50 metros de perímetro de núcleos e edificacións humanas, cando é corresponsable xunto cos concellos desta situación de falta de xestión e esquece premeditadamente que tamén se estivo e se está a incumprir a xestión da biomasa dentro das faixas terciarias, sendo corresponsable desa situación xunto coa propiedade das parcelas forestais, ou mesmo tamén das faixas primarias de moitas das estradas de propia titularidade pública. Por outra banda vaise a resarcir economicamente moitos terreos que estaban cheos de monocultivos con especies pirófitas, basicamente piñeiros e eucaliptos, que axudaron a propagar unha boa parte destes incendios forestais, e por engadido, tal e como se vén facendo dende hai décadas, vaise a promover a repoboación de novo con máis monocultivos dalgunha desas especies. Ao final, máis alá do dano paisaxístico, socioeconómico e ambiental e mesmo en vidas humanas provocado, os incendios forestais van ser obxeto, unha vez máis, dun beneficio económico para as grandes empresas madeireiras e de sector enerxético, directo pola corta de parte da madeira queimada e do que só queda esperar que non sexa de xeito lesivo e a matarrasa, como indirecto polas previsibles novas repoboacións con monocultivos forestais en solo queimado, sexa para a produción de madeira para fabricación de pasta de papel, fibra textil, taboleiros ou para a incineración de biomasa forestal. Os monocultivos forestais impactan moi negativamente no medio ambiente, uniformizando a paisaxe, destruíndo hábitats naturais e reducindo drásticamente a presenza de biodiversidade, alterando a composición do solo e mesmo a súa capacidade de absorción hídrica e, á parte, ao estar compostos por especies pirófitas e mesmo invasoras son, xunto coa actividade incendiaria e a emerxencia climática, unha auténtica amenaza e de bomba de reloxería pola súa carga incendiaria e só se pode de calificar a súa práctica continuada e de xeito intensivo como de suicidio ambiental dentro dun círculo nocivo e pernicicioso. De xestión xa centenaria, imposta a nivel estatal e extendida sobre todo dende os anos sesenta do século pasado a través do réxime franquista, son corresponsables da súa progresiva e rápida extensión nas últimas décadas os distintos gobernos autonómicos do PP na Xunta máis tamén do bipartito PSOE-BNG, onde se chegaron mesmo a autorizar novas repoboacións dentro dos espazos naturais protexidos da Rede Natura 2000. Non só arde a matogueira senón tamén o arborado ou todo el xunto, en especial cando se corresponde con especies pirófitas e propagadoras dos lumes extendidas e de xeito continuado polo territorio. Ao tanto non hai que esquecer que unha especie como o eucalipto que, á parte de pirófita é invasora, propagouse a súa presenza máis do dobre no territorio galego do que estaba previsto na propia planificación autonómica aprobada no ano 1992 e cun prazo de vixencia de 40 anos. E que a moratoria a novas plantacións desta especie que a propia Xunta de Galiza comezou a aplicar a comezos desta década non se está a cumprir en moitos dos casos e por engadido remata a finais deste ano e sen resposta aínda do goberno autonómico de se vai seguir ou rematar. Incendio forestal no Monte Pornedo (Marín)Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo Tampouco podemos esquecer que a perda de valor paisaxístico, biolóxico e ambiental do territorio tralos incendios é así mesmo aproveitada polos intereses económicos das grandes empresas do sector enerxético e industrial para, impacto a maiores, o seu obxetivo da proxección de parques enerxéticos como sucedeu no Morrazo a inicios da década pasada co proxecto do parque eólico de Pedras Negras despois de que a área prevista dentro do dito parque ardera anteriormente na vaga dos lumes forestais do ano 2006, feito que aproveitou a empresa adxudicataria para alegar dentro da tramitación ambiental de dito proxecto que a área onde promovía construír as súas instalación, en ese momento en fase de recuperación ambiental, perdera valor por causa daquela actividade incendiaria. A maioría do territorio galego carece dunha protección estritamente ambiental e a xestión da pouca superficie ambientalmente protexida non é precisamente a idónea en moitos dos seus cometidos, feito que de estar adecuadamente ordenada e xestionada, a efectiva protección e conservación destes espazos naturais non sería un obstáculo para entre os seus cometidos, a adecuada xestión en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, feito agora posto en dúbida, senón todo o contrario. Un espazo natural protexido legalmente ten que ter en conta as actividades tradicionais agroforestais e gandeiras e de xeito sustentable con respecto aos usos dos recursos naturais e a mensaxe contraria á protección ambiental, simplemente por non abordar adecuadamente a problemática dos incendios forestais e ás veces de xeito equivocado, só beneficia aos intereses económicos das grandes empresas e especulativos do territorio como os arriba citados e ademais coarta que no resto do territorio galego se produza a legal e necesaria ampliación da rede de espazos naturais protexidos solicitada pola colectividade social dende hai máis dunha década. Incendio forestal no Monte Pornedo (Marín)Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo O Morrazo non foi ao final das áreas máis perxudicadas polos incendios forestais deste verán dentro do territorio galego mais si que houbo varios incendios e algúns de entidade como os acontecidos nos montes do Pornedo, Penizas e de Santa Cristina de Cobres nos concellos de Marín e Vilaboa, respectivamente, e segue en xeral e seriamente baixo a súa ameaza no que queda deste ano e os vindeiros, cos seus montes faltos de protección ambiental e inzados de monocultivos de eucalipto e piñeiro, sen silvicultura preventiva nin xestión da biomasa e incumprindo a lexislación en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais en boa parte do seu territorio. Cando o debate parece estar en se non actuar no medio e deixar os lumes simplemente para os labores de extinción ou, polo contrario, practicar un excesivo intervencionismo e forestalista, segue sen existir un equilibrio mentres a situación climática e ambiental é cada vez máis preocupante pola súa emerxencia a nivel local e planetario. É urxente a substitución dos monocultivos forestais de piñeiros e eucaliptos polas plantacións e variadas de frondosas autóctonas e non pirófitas non só ao redor dos núcleos de poboación humana senón no conxunto do territorio, a erradicación e por métodos non agresivos de outras especies pirófitas e invasoras como representan en especial as acacias, a diversificación dos usos máis alá do ámbito forestal, cos silvopastorís e gandeiros tanto nas superficies arboradas como de monte baixo, e o respeto e a protección ambiental das carballeiras e bosques de ribeira climácicos xunto coas zonas húmidas e de turbeira máis a do patrimonio cultural e arqueolóxico. Incendio forestal de Santa Cristina de Cobres en VilaboaPlataforma en Defensa dos Montes do Morrazo Superficie queimada no incendio forestal de Santa Cristina de Cobres en VilaboaPlataforma en Defensa dos Montes do Morrazo