O Bádminton Ravachol debuta con vitoria ante o Ibiza Pitiús

Wait 5 sec.

O Bádminton Ravachol Pontevedra arrincou a tempada na División de Honra con triunfo por 5-2 fronte ao UD Ibiza Bádminton Pitiús. O enfrontamento, disputado no pavillón da Estrada, comezou costa arriba para o conxunto pontevedrés tras encaixar dúas derrotas consecutivas nos dobres. No mixto, os irmáns Volkmann caeron por 1-3 fronte a Jonty Russ e Elizabeth Tolman, mentres que no dobre feminino, Iziar Barcala e Ana Nóvoa cederon co mesmo marcador ante Tolman e Sofía García. Cando o 0-2 parecía complicar o debut, chegou o punto de inflexión co dobre masculino. Patrick Volkmann e Gabriel Fernández asinaron un triunfo vital (3-1) ante Russ e Ramón Rovira, que reactivou ao equipo pontevedrés e co que comezou a remontada. Sidharth Ani impúxose por un claro 3-0 a Marc Martín, seguido do triunfo de Ana Nóvoa, que asinou un sólido 3-1 fronte a Sofía García. O peche chegou da man de Gabriel Fernández, quen protagonizou a actuación máis emocionante da xornada. O xogador do Bádminton Ravachol empezou perdendo 0-2 contra Ramón Rovira, pero logrou darlle a volta ao enfrontamento para imporse 3-2 e asegurar o triunfo do seu equipo. Con este 5-2, o equipo pontevedrés suma a súa primeira vitoria nunha tempada con aires renovados e un plantel de luxo que, sen dúbida, traerá alegrías ao club. Consulta a acta neste enlace