Empate do Arosa e derrotas de Céltiga e Juventud Cambados

Wait 5 sec.

AROSA SC 2-2 CD LUGO B O Arosa deixou escapar a vitoria na Lomba e acabou asinando un amargo empate ante o Lugo B. Os arlequinados adiantáronse xusto antes do descanso cun tanto de Concheiro e parecían ter o partido controlado cando, no minuto 54, Pacheco asinou o 2-0 que desatou a ilusión na bancada. O filial lucense non se rendeu e puxo emoción nos compases finais. Aday recortou distancias no 83 e, xa no 88, Doumbouya transformou un penalti que supuxo o 2-2 definitivo e un mazazo para a afección local, que viu como se escapaban dous puntos no tramo final. Consulta a acta neste enlace SD COMPOSTELA 2-1 JUVENTUD CAMBADOS O Juventud Cambados rozou a sorpresa este domingo no campo Vero Boquete-San Lázaro, pero acabou caendo por 2-1 fronte ao Compostela. O equipo local adiantouse moi pronto grazas a un tanto de Carlos López (min. 4), o que obrigou aos cambadeses, recentemente ascendidos, a remar contracorriente. A pesar dos intentos na primeira metade, o premio non chegou até o minuto 68, cando Diego Iglesias asinou o empate que acendeu as ilusións visitantes. Todo apuntaba a unha repartición de puntos, pero Pablo Crespo apareceu no minuto 90 para marcar o gol que deu a vitoria ao Compostela, nun final cruel para un Cambados que demostrou dar a talla ante un dos favoritos da categoría. Consulta a acta neste enlace CD ESTRADENSE 2-1 CÉLTIGA FC Noutro dos duelos entre un favorito e un recentemente ascendido a Terceira, a vitoria terminou caendo ao lado dos primeiros, aínda que non sen dificultades. O Estradense adiantouse pronto, no minuto 12, grazas a un gol de Ángel Landeira. Xa na segunda parte, Dani Pedrosa ampliou a vantaxe no 54 e pareceu deixar encarrilado o triunfo. O Céltiga, con todo, non baixou os brazos e recortou distancias no 77 por medio de José Sobrido para facer 2-1 co que concluíu o enfrontamento. Consulta a acta neste enlace