Pontevedra condena o xenocidio en Gaza e aproba 'vetar' ao estado de Israel na cidade

Wait 5 sec.

O xenocidio de Israel sobre Palestina tensou ata límites insospeitados a convivencia política en Pontevedra. Todo estalou coa sesión plenaria que a corporación pontevedresa celebrou este luns no salón de plenos da casa consistorial. Alí debatíase a moción presentada polo PSOE para condenar a barbarie do xenocidio en Gaza, emendada polo BNG para prohibir a participación en eventos deportivos, culturais ou doutra índole de "entidades que representen ao estado de Israel ou sexan financiados por el". A este veto, extensible a aquelas persoas que contribúan a "promocionar ou brannquear" este xenocidio, sumábase a esixencia ao Comité Olímpico Internacional (COI) de excluír a Israel de todas as competicións nas que participe, como se fixo con Rusia tras a invasión de Ucraína. Socialistas e nacionalistas fixeron valer a súa maioría (14 votos contra 11) para aprobar esta iniciativa, que contou co rexeitamento frontal do PP que, ademais de considerar "racista" esta medida, entende que é "ilegal", como tamén suxire o informe do secretario do pleno. Iván Puentes, portavoz do PSOE, comezou a súa intervención criticando a postura "absolutamente inhumana e cruel" dos populares ao non condenar publicamente "o que só ten un nome, que é a limpeza étnica e o xenocidio de Israel sobre Gaza". Os edís do PSOE manifestaron o seu rexeitamento ao xenocidio en GazaPSdeG-PSOE de Pontevedra "Entre democracia e barbarie non caben equidistancias nin medias tintas", sostivo Puentes, que engadiu que os demócratas "sabemos onde temos que estar" ante crimes de guerra como os que comete o Estado israelí sobre o pobo gazatí. Lamentou que o PP non sexa "igual de claro" para denunciar a destrución "masiva" da franxa de Gaza ou que non vexa "xenofobia e odio" no asasinato de máis de 65.000 persoas, na violación dos dereitos humanos ou no uso da fame como "instrumento de guerra". A nacionalista Eva Vilaverde, que emocionou durante a súa participación neste debate, sinalou que "sabemos perfectamente o que está a pasar en Palestina porque o estamos vendo en directo", polo que sostivo que "quen non se sitúa é porque non quere". Vilaverde asegurou ser "consciente" de que Pontevedra "non vai a parar esta barbarie", pero defendeu que "si está nas nosas mans facer o que poidamos". O Concello, subliñou, "non permitirá que se lle dea normalidade" aos crimes do goberno de Netanyahu. Eva Vilaverde coa camiseta de apoio a PalestinaPontevedraViva "Poñerse de perfil significa apoiar un estado criminal e xenocida. Non hai equidistancia posible", engadiu a edil do BNG, que apelou sen éxito á "humanidade, moralidade cristiá e conciencia" dos representantes do PP para que tomasen partido por Palestina. Desde as filas populares, Rafa Domínguez mostrou a súa "solidariedade" con todas as vítimas en Palestina. "Es horrible ver como cada día hay una matanza indiscriminada", afirmou sobre o que cualificou como una "carnicería de civiles". Iso si, matizou, haberá que xulgar "con todo el peso de la ley" os crimes cometidos "en los dos bandos". Pero o 'veto' a Israel proposto por Pontevedra é, a xuízo do portavoz popular, é un "error garrafal" e un "absoluto disparate", xa que entende que é "xenófobo e induce al odio" contra os nados en Israel. "Me niego a votar una moción racista e intolerante", sentenciou. Denunciou que esta medida só busca "generar miedo" entre a poboación israelí e que se "incite a la violencia" contra eles. Tras sinalar de que a BNG e PSOE "les ciega el odio" a Israel, Domínguez advertiulles das "consecuencias legales" de aprobar esta proposición. Concelleiros do PP de Pontevedra no pleno municipalPartido Popular de Pontevedra Esta última alusión espertou a indignación do socialista Iván Puentes, que cualificou a intervención do portavoz do PP como "fascismo puro e duro", ao ameazarlles por "expresar libremente a nosa postura" igual que ocorreu durante a ditadura cos opositores ao réxime de Franco. "A min non me amedrentarían os matóns de camisas azuis do 39 e menos vostede", asegurou Puentes, que retou o PP a que acudan á Fiscalía a denuncialos "se teñen coraxe", algo que demostraría, dixo "a súa talla política e democrática". Tras asegurar que lle deu "asco" escoitar o portavoz popular, o líder do PSOE reiterou que esta proposta "non fala en ningún momento" de evitar que deportistas israelís compitan en Pontevedra senón que Israel "como país" non poida abanderar esa presenza nin que poidan acudir equipos "patrocinados polo seu goberno". Eva Vilaverde, que acusou os populares de buscar "desculpas e xustificacións" para non condenar de forma "clara e concisa" o exterminio "metódico, premeditado e planificado" de Israel sobre Gaza, coincidiu en que en Pontevedra "non imos recibir mal a ningún cidadán". Iso si, aclarou que non pasará o mesmo con quen veña "representando a un estado xenocida e criminal", reiterando que quen actúa con violencia "é Israel sobre Palestina". Finalizou a súa intervención apelando ao PP, por última vez, a que "se poñan do lado correcto". Interrompido por un alcalde que sentenciou que Pontevedra "non vai a permitir a participación de estados xenocidas" nos seus eventos, Rafa Domínguez concluíu expresando a súa "enorme tristeza y preocupación" pola decisión aprobada polo pleno. "Fai 83 anos os nazis prohibiron que os xudeus fosen en bicicleta. Hoxe aquí quérese prohibir que poidan ir en bicicleta, nadar ou correr e estáselles ameazando", apuntou. Considera que foi un "día triste" porque Pontevedra "no canto de demostrar solidariedade está a demostrar odio". Nun último intento por buscar a unanimidade, o socialista Iván Puentes ofreceu retirar da súa proposta ese 'veto' a Israel e manter a condena ao xenocidio en Gaza, algo que Domínguez non aceptou, desatando máis críticas entre os seus rivais políticos. O "problema", segundo o portavoz do PSOE, é que os populares "están encantados do que Israel está a perpetrar en Gaza", polo que lles acusou de ser "cómplices" e de non ter a "máis mínima talla democrática, institucional e humana". O debate plenario íntegro sobre o xenocidio de Israel en Gaza pódese ver no vídeo que acompaña a esta información.