Unha operación da Garda Civil do País Vasco e Cantabria permitiu a detención dun veciño de Pontevedra cando tentaba introducir na marxe esquerda da ría de Bizcaia dous quilos de cocaína. A detención enmárcase na operación 'Rainman II' e, segundo a Garda Civil, con esta intervención, cortouse unha das rutas de entrada de cocaína en Bizkaia procedente de Galicia. A investigación comezou hai tres meses cando o agora detido foi identificado nun control da Garda Civil de Cantabria. Ía a bordo dun vehículo no que se atoparon dous ocos ocultos de gran capacidade, coñecidos no argot como'caletas' para o transporte seguro da droga. Naquela ocasión, non lle acharon sustancias ilegais, pero abriuse unha investigación que permitiu agora descubrir un vehículo de aluguer no que o detido si transportaba droga. O detido manipulou a carcasa do filtro do aire e substituíu este por dous paquetes de cocaína que contiñan 2.250 gramos de sustancia. Os axentes da Garda Civil localizaron dúas pezas metálicas ocultas en dous ocos diferentes do vehículo que ensamblan perfectamente entre elas para formar a ferramenta definitiva que encaixa nos parafusos de suxeición da carcasa do filtro de aire. Segundo indican, xa presentaban signos de manipulación. #OperacionesGC | Intervidos 2 quilos de #cocaína ocultos nun vehículo. ▶️ A #droga atopábase oculta no oco do filtro de aire. ▶️ Detida unha persoa veciña de #Pontevedra que pretendía introducir a droga en #Bizkaia. pic.twitter.com/IpqEt1psH5 — Garda Civil (guardiacivil) September 17, 2025