Seis espectáculos de Galicia, Euskadi e Murcia integrarán a edición do outono de Domingos do Principal

Wait 5 sec.

Pontevedra prepárase para acoller unha nova edición de Domingos do Principal, o ciclo de teatro familiar que promete converter as mañás e as tardes de outono en espazos de maxia e diversión. A programación, presentada este xoves polo concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e realizada por Teatro Akatro, ofrecerá seis espectáculos "tope de gama" para un público tan esixente como as crianzas, cos seus pais e avós. O ciclo comezará o 12 de outubro e estenderase ata o 23 de novembro, cunha programación que inclúe obras de alta calidade recoñecidas con premios e nominacións en certames de prestixio. A programación ofrece estes espectáculos: 12 de outubro: A compaña, de Xampatito Pato. Unha peza de clown con monicreques dirixida a público a partir de seis anos. Trátase dunha viaxe onírica que busca levar o público fóra da realidade a través da imaxinación. 19 de outubro: Monstros, de Producións Excéntricas. Unha obra para maiores de oito anos interpretada por recoñecidos actores e actrices da escena galega. A peza afondará na idea de enfrontarse a un monstro interior ou exterior. A compañía foi premiada nos Premios María Casares 2025. 26 de outubro: Verne, de Onírica Mecánica, compañía de Murcia. Unha peza que, a través da imaxinación, busca superar o pesimismo do mundo actual tal e como faría o propio escritor francés Jules Verne. 9 de novembro: Molto Barroco, de Píscore Teatro. Unha comedia que combina música, baile e actores nunha divertida historia dun rei que encarga unha obra para a pedida de man da súa futura raíña. A peza foi seleccionada para o Certame Barroco Infantil do Teatro Clásico de Almagro en 2024. Píscore TeatroPíscore Teatro 16 de novembro: Ándale Bon Appetit, de Teatro dos Ghazafelhos. Os chefs máis coñecidos preparan receitas xunto a Pancho Villa, Frida Kahlo e outros personaxes mexicanos. A obra estivo nomeada aos Premios María Casares 2024. 23 de novembro: Mr Bo, de Compañía Marie de Jong (Euskadi). Unha obra de teatro mudo que convida á reflexión sobre como nos enfrontamos a un tirano. O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, destacou a importancia desta obra nun contexto actual de conflitos como o de Palestina. ENTRADAS E ABONOS As entradas para cada un dos espectáculos terán un custo de 4 euros, e haberá dous pases para cada obra, ás 12:00 e ás 18:30 horas. Tamén se poderán adquirir abonos para o ciclo completo por 18 euros. As entradas e os abonos poñeranse á venda a partir do venres, 19 de setembro, arredor das 10:00 horas, a través da plataforma Ataquilla. Demetrio Gómez subliñou que esta programación foi confeccionada "con moito cariño" para ofrecer un teatro de calidade pensado para todas as persoas. O concelleiro tamén avanzou que xa se está a traballar na programación do ciclo para a tempada da primavera de 2026. Demetrio Gómez presentou o novo ciclo de Domingos do PrincipalCristina Saiz